Finalizadas as obras dun vial na parroquia de Escuadro, en Silleda

El Correo Gallego
Pista de Sestelo

Silleda. O Concello de Silleda vén de dar por finalizadas as obras destinadas á mellora dun vial no lugar de Sestelo, na parroquia de Escuadro. Trátase dun acceso a unha zona de fincas que era preciso acondicionar xa que estaba nun estado moi deficiente.

O concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos silledense, Antonio Ferro Losada, visitou onte o lugar no que se remataron os traballos. “Era unha demanda dos veciños desta zona, que verán mellorados os servizos e poderán acceder con máis facilidade aos predios situados na parte alta da parroquia”, sinalou ó respecto.

Os traballos foron levados a cabo por un turno de máquinas da Mancomunidade Terras do Deza, que desta quenda lle correspondeu a Silleda. Nestes últimos días, os operarios procederon a arranxar, entre outras actuacións, algúns tramos do viario con zahorra. Asemade, nos últimos meses foron do mesmo xeito reacondicionados varios tramos de estrada nas parroquias veciñas de Abades, Lamela e Chapa.

Pero o arranxo das vías non rematou aínda. A mesma parroquia de Escuadro verá unha das súas viais principais sometida a este tipo de actuacións nos próximos meses. Trátase da que une a estrada provincial a través da parroquia ca N-640, no lugar de Cimadevila, cuxo firme está asimesmo en mal estado.

Esta actuación forma parte, xunto co acondicionamento doutros seis viarios en diversas zonas do municipio silledense, dun proxecto financiado cos orzamentos do Plan Concellos da Deputación. N.V.