Haberá carpas individuais na feira de saldos ribeirense

El Correo Gallego
Imaxe dunha das anteriores edicións de Viamare Stock. Foto: S.S.

Ribeira. A avenida do Malecón de Ribeira acollerá a vindeira fin de semana (os días 14, 15 e 16) a edición número quince da feira de oportunidades Viamare Stock, que organiza a patronal, en horario ininterrompido de once da mañá a dez da noite.

Contará coa participación de 22 establecementos, dun amplo número de sectores, como moda e complementos, zapaterías, moda infantil, óptica, produtos de perruquería, deportes, vestiario laboral, agasallos, etc. Esta cifra “reforza e consolida este certame como o máis importante da comarca do Barbanza no seu eido”, segundo sinala o colectivo empresarial.

Este ano, para evitar posibles contaxios de covid-19, en vez de celebrarse baixo unha gran carpa, cada un dos establecementos participantes estará nunha individual (que serán decoradas por usuarios do centro de día de Alzheimer), con separación entre elas, aínda que nun espazo aberto situado en dita avenida. Este recinto contará con entrada e saída independentes, con varios puntos nos que haberá dispensadores de xel desinfectante e luvas.

Asimesmo, haberá un vixiante de seguridade que controlará o aforo e o uso obrigatorio de mascarilla entre as persoas que accedan. s. s.