Adega acaba de asinar con Infraestruturas, Medio Ambiente e Augas de Galicia un novo convenio de colaboración // Este ano terán que limitarse as saídas de campo e centraranse na elaboración de material de tipo educativo e didáctico

Implicar á cidadanía

C. E.

O Proxecto Ríos acaba de facer a quincena e celébraa renovando o seu compromiso cos ríos galegos. A presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e coordinadora do proxecto, Virxinia Rodríguez Álvarez, asinou onte coas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e ca directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez, a renovación do convenio de colaboración co organismo que dota de orzamento ó Proxecto Ríos de voluntariado ambiental. Este programa é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos promovida por Adega e financiada por dito departamento autonómico e o Instituto de Estudos do Territorio.

A finalidade desta proposta é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais e amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos mesmos. Está aberta a calquera persoa e entidade e por iso son moitos os colectivos e concellos da Área Metropolitana de Santiago os que se suman ás distintas iniciativas promovidas dende o proxecto.

Entre os participantes da campaña de limpeza, chamada Móllate polos ríos, que levaron a cabo a finais do mes de setembro, pódese citar á Asociación pola Defensa do Val de Liñares (da Estrada), á Asociación do Río Iso (de Arzúa), a Senda nova (de Carballo), a Troiteiros do Río Furelos e á Asociación Melidá (de Melide), ó CEIP A Ramallosa (de Teo), á Anpa As Lombas (de Catoira), á Sociedade Histórica Coluna de San Fins (de Lousame), a Afonso Eanes (de Negreira), a Muíño Didáctico de Campaña (de Valga) e ó Concello de Ames.

O convenio tivo que desenvolverse vía telemática dado o estado de alarma e a situación de excepcionalidade que estamos a vivir por mor do covid-19, un momento que tamén determina o tipo de actividades a celebrar no marco do programa educativo deste ano. Dende Adega explican que se fará “especial fincapé na elaboración de materiais de carácter educativo e didáctico de interese para o voluntariado ambiental en ríos e programaranse menos actividades ao aire libre ou saídas de campo en previsión de que estas poidan estar limitadas nos vindeiros meses co gallo de evitar riscos sanitarios”.

Dita colaboración permitirá desenvolver durante este ano “unha extensa lista de actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo, tamén permitirá darlle continuidade a un dos programas de voluntariado ambiental con maior traxectoria na historia do ecoloxismo e da educación neste eido en Galicia e ca maior implantación no país”, sinalan.

Este 2020, Proxecto Ríos cumpre 15 anos de traballo continuo, ao longo de catro lexislaturas e con gobernos de moi distinta cor política, o que avala o valor e o interese deste proxecto colectivo de custodia fluvial, que pretende unir ríos e persoas. Actualmente conta con máis de 400 grupos de voluntarios e uns 4.500 participantes en Galicia.

BENVIDAS SEXAN todas aquelas iniciativas que teñen como finalidade velar polo noso medio e implicar activamente á cidadanía. Concienciar e á vez lograr que as persoas o materialicen non é doado, pero Adega, a través do Proxecto Ríos, consigue que miles de voluntarios de toda Galicia participen nas actividades que promove para conservar os nosos ecosistemas fluviais. Ogallá se sigan apoiando propostas como esta moitos anos, porque o certo é que o ser humano parece desvincularse cada vez máis do medio. Semella que considera que tanto a natureza como os animais lle pertencen e os pode manipular ao seu antollo. Nada máis lonxe da realidade e, quen pense o contrario, que se prepare para sufrir as consecuencias, xa cada vez máis visibles...

“tivemos 414 grupos de voluntarios”

A presidenta de Adega celebra os quince anos de Proxecto Ríos, a pesar de que “cadra un pouquiño mal porque, coa corentena, a verdade é que as actividades que tiñamos programadas en centros de ensino, tivemos que pospoñelas para comezos do primeiro trimestre do ano que vén”, explica. Durante os 15 anos de existencia da iniciativa levan participado 414 grupos de voluntarios e, según indica Virxinia Rodríguez, as provincias da Coruña e Pontevedra son as que máis están presentes. “Temos moitos centros de ensino, pero tamén particulares que a título persoal deciden implicarse no Proxecto Ríos”, engade. Co apoio da Consellería “conseguimos fomentar a participación da cidadanía e, sobre todo, capacitala”. Entre as actividades que levan a cabo, a presidenta do colectivo destaca as “saídas formativas con centros de ensino, asociacións e particulares para motivalos e ensinarlles como funciona o proxecto. Facemos tamén charlas en concellos e entidades que queren colaborar”. Lembra que este é un traballo “que se retroalimenta” porque cos resultados elaboran os informes anuais nos que aparecen reflexados os destas inspeccións nos distintos ecosistemas fluviais. “Temos unha rede moi importante de voluntarios que participan e, con estos datos, a administración autonómica e nós coñecemos o estado de saúde dos ríos”, dixo.