aportación PROVINCIAL. Dezasete concellos recibirán da Deputación 15.000 € e outros catro, contías de entre 7.997 e 14.319 € // Algúns alcaldes califican de moi baixa a axuda da Xunta, que no caso de Rianxo foi de 3.500 € TEXTO F. R. Garabato

Lanzar e manter

F.R. Garabato

Máis de corenta concellos da provincia da Coruña beneficiaranse da liña de apoio á creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística á que a Deputación destina un total de 459.707 €. A responsábel da área de Normalización Lingüística, María Muíño, defende o compromiso da institución provincial co galego e a necesidade de fomentar o seu uso desde as institucións.

“Os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, poden cumprir un papel esencial á hora de promover o uso do galego. Neste sentido, a Deputación da Coruña mantén o apoio á creación dos servizos de normalización lingüística que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizador”, apunta Muíño.

Neste sentido, a liña de axudas contribúe á contratación de persoal especializado nos concellos e á creación de emprego no sector e será tamén de especial relevancia “nun momento como o que estamos a vivir, en que a lingua está a ser tamén unha grande prexudicada da crise provocada pola covid-19”.

O BOP publicou a resolución definitiva da convocatoria coa concesión dos 459.707 euros, cun máximo de 15.000 euros por servizo.

Na zona metropolitana de Santiago, 25 municipios repártense 297.206 €. Reciben 15.000 € A Baña-Negreira, A Pobra, Ames, Boiro, Carballo, Carnota-Mazaricos, Dumbría-Muxía, Fisterra, Melide, Muros, Ponteceso, Rianxo, Ribeira, Rois-Dodro, Santa Comba, Teo e a Mancomunidade de Ordes, mentres que Outes percibe 14.319 €; Noia, 10.816 €; Arzúa 9.074 €; e Oroso 7.997 €.

Algúns municipios contan con dito servizo dende fai máis dunha década, como o de Ribeira, que o ten dende 2005, ou o da Baña, que o creou en 2009 e formou agrupamento con Negreira a partir de 2013. Este último estivo desde o principio e está, neste momento, adscrita a el como técnica María del Carmen Pereiro Felípez. Dentro das funcións de formación, leva colaborando no ámbito de lingua, desde 2013, ca Escola de Adultos de Negreira (entidade colaboradora do IES San Clemente para formar alumnado de ESA), imparte un curso de aprendizaxe de Lingua Galega para inmigrantes e axuda na preparación das probas Celga. En dinamización, ademais das accións dirixidas exclusivamente desde o departamento (Comparte en galego, maratón de contacontos, encontro das escolas infantís, Club Barcalés de Regueifa, Semana Barcalesa das Letras, Circuíto pola lingua, Club de Lectura Barcala en Galego, ruta literaria As rapazas de Xan...) tamén participa en proxectos con outros concellos, como o Club de Debate, Youtubeir@s ou Apego.

Con respecto a este último programa hai que sinalar que dentro da comarca realízanse actividades propias, como Maimiños e Furabolos na Baña, Avelaíños e Rebuldeiros en Negreira ou a Festa do Apego que comparten ambos concellos.

Para este servizo, A Baña conta tamén cunha axuda da Xunta duns 5.000 €, para o salario da técnica.

En canto á localidade de Rianxo, creouse hai tres anos. O ano pasado recibiu tamén 3.500 euros da administración autonómica, “pero este ano vai baixar esa aportación en xeral. É moi pouco en comparación co que otorga a Deputación”, dixo o alcalde, Adolfo Muíños.

NON SE TRATA de afirmar que todos os males teñen solución a golpe de talonario. Pero é certo que as administracións públicas teñen, ademais das tarefas de goberno, outros compromisos coa sociedade. Unha delas é a defensa do patrimonio en todas as súas variantes. No caso da lingua, o noso patrimonio inmaterial máis prezado, son imprescindibles as axudas ós concellos, sobre todo ós máis pequenos, para blindalo das ameazas e promover a súa conservación e o seu uso. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinala que “no seu momento, a achega inicial da Deputación Provincial da Coruña foi fundamental para o lanzamento do servizo de normalización lingüística”. O caso e que segue a selo para o seu mantemento, algo que resulta igual de importante.