CONCERTO. Ponte Ledesma completou o aforo, que se reduxo a só 230 persoas polas preceptivas medidas sanitarias // Trescentas candeas iluminaron o lugar

Notable éxito da Noite Velada coa música da Banda da Loba

M. Boo
Ata 300 candeas iluminaron Ponte Ledesma para crear un ambiente que só recibiu loubanzas dos asistentes.

Un total de 230 persoas gozaron o venres dunha Noite Velada, atípica, pero moi especial en Ponte Ledesma. A ponte medieval iluminouse novamente con trescentas candeas proporcionando un ambiente único para o concerto de A Banda da Loba.

O Campo do Río acondicionouse de tal xeito que o público se puidese distribuír en cadeiras dispostas coa distancia de seguridade pertinente. Dende os controis de acceso asegurouse que todas as persoas asistentes cumprisen coas preceptivas medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a covid-19.

Esta actividade completou o seu aforo de 230 persoas aos poucos días de abrírense as inscricións, rexistrando mesmo unha lista de agarda por se houbese cancelacións.

A Banda da Loba amenizou esta Noite Velada cunha completa actuación que durou, aproximadamente, unha hora e media. A agradable temperatura, a boa música e o ambiente levaron a que esta cita rexistrase todo un éxito de convocatoria e a que o público lle pedise varios bises á agrupación protagonista da cita, que cumpriu coa petición.

Dende o Concello de Boqueixón amósanse moi satisfeitos pola excelente resposta por parte da veciñanza a esta iniciativa. Ademais, agradecen que todas as persoas asistentes ó citado concerto cumprisen coas medidas de seguridade.

areadecompostela@elcorreogallego.es