Retómase a segunda fase do comedor do centro escolar da Maía

Farase a cimentación do edificio para así colocar a estrutura e avanzar nos traballos
El Correo Gallego
Foto da primeira fase das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía

Ames. Acaban de retomarse os traballos de construción do novo comedor do CEIP A Maía (Ames). Este proxecto foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones S.A. por un importe de 389.575 euros, e está sufragado con fondos propios do Concello.

Na actualidade, vaise comezar coa segunda fase dos traballos, que consistirá en realizar a cimentación do edificio para despois colocar a estrutura e avanzar na execución da citada obra.

Previamente, realizouse a primeira fase, que consistiu na demolición e desmontaxe dos módulos do antigo comedor. Coa construción desta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, “xa que é unha demanda da comunidade educativa de Ames”, aseguran dende o goberno.

Actualmente, “o número máximo de prazas de comedor de dito centro é de 330 usuarios, mentres que o número de solicitudes incrementouse de maneira considerable, cunha previsión de 375 a 400 prazas previstas para o presente curso escolar”, explican fontes municipais. Ademais, isto suporá a creación de 150 novas prazas para o presente curso, das que 130 corresponden ao comedor do CEIP A Maía. A. P.