Ron e Tomé ilustran a Guerra Civil e a ditadura mañá en Bertamiráns

El Correo Gallego
Cartel da presentación

Ames. O fotopoemario Os exilios que somos chega mañá ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A obra pertence ao profesor, poeta e veciño de Ames, Xabier Ron, e á xornalista e estudosa da Memoria Histórica, Irene Tomé. O proxecto componse dunha serie de fotografías e poemas que evocan unha memoria persoal, común a miles de familias galegas e españolas que viviron a lousa da Guerra Civil e da ditadura.

O resultado desta colaboración é un camiño de versos e imaxes que loitan contra o esquecemento imposto, contra os silencios herdados. Versos mancados, espazos en branco e síncopes como atrancos da memoria. Xunto a eles, poden verse imaxes que buscan ocos de luz entre brumas, retratos de fendas, depósitos de cinsas... Pero tamén resaltan os rostros da dignidade e da resistencia. En boca dos seus autores “é a historia que turra de nós, que porfía, por non estar resolta aínda”.

A presentación do fotopoemario está fixada para as 20.30 horas, e xunto aos autores, estarán o editor, Henrique Alvarellos e a concelleira de Cultura, Natividade González. A.P.