Silleda investirá preto de 140.000 euros para a mellora do vial de Saídres

Os traballos xa foron adxudicados polo goberno local á firma Taboada y Ramos
El Correo Gallego
Igrexa de Saídres, en Silleda

Silleda. O Concello de Silleda continúa coa mellora da rede viaria no rural. Un dos proxectos que se levará a cabo nas próximas semanas será a mellora integral do vial que dá acceso á parroquia de Saídres, que presenta dende hai tempo numerosas deficiencias e no que se investirán preto de 140.000 euros.

Trátase dun tramo de máis de 3 quilómetros, dende o cruce ca estrada provincial EP-6502 (Silleda-Castro Merza), á altura de Negreiros, ata o lugar de Carboeiro de Francia. Os traballos foron adxudicados onte en xunta de goberno local de xeito definitivo á empresa Taboada y Ramos, por un importe de 139.966,75 euros, IVE incluído.

Segundo figura no proxecto, ademais da limpeza de cunetas, mellorarase toda a calzada, con aglomerado en quente. “Trátase dun vial moi transitado, o único que dá acceso á parroquia de Saídres”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Este investimento afrontarase a través dos fondos municipais que lle corresponden a Silleda polo Plan Concellos da Deputación. “Continuamos mellorando así a extensa rede viaria que temos no noso rural, priorizando vías principais de acceso, como é este caso, ou como foi o investimento realizado ultimamente no vial Piñeiro-Abades”, dixo o rexedor. arca