medioambiente. Instalan na Pedra da Sal a figura dun arroaz elaborado con plásticos reciclados // O artista Fabián Lage construíu a estrutura de ferro que despois teceron veciños voluntarios e usuarios do colectivo Aspaber // Carballo quere mentalizar á xente contra a contaminación marítima TEXTO Manuel Boo

Símbolo da loita por un mar limpo

M. Boo
Os autores e voluntarios que participaron na elaboración da obra co alcalde de Carballo, apoiado no arroaz feito con plástico reciclado. Foto: C.C.

Se a píllara de vimbio que se instalou o ano pasado en Razo se converteu no símbolo do turismo sustentable que se trata de promover dende o Concello de Carballo, o arroaz de plástico reciclado que reloce dende antonte na Pedra do Sal vai ser o emblema da loita contra a contaminación do mar, un gravísimo problema medioambiental que se puido volver constatar na xornada de limpeza realizada, tamén antonte, no marco do programa Eu quero Razo-Baldaio, e no que se recolleron ata 1.000 quilos de residuos, na súa maioría refugallos con materiais plásticos.

“A idea é concienciar, a ver se pouquiño a pouco podemos eliminar o plástico do mar, porque este é o legado que lles deixamos aos nosos fillos”, sinalou o artesán Fabián Lage no acto de inauguración.

El foi o encargado de construír a estrutura de ferro con forma de arroaz, recuberta cos fíos de plástico realizados polos usuarios e usuarias do colectivo Aspaber e que se encargaron de tecer as mans voluntarias de moitos veciños e veciñas dirixidos por Inés Rodríguez, artesá especializada en tecidos. “Temos que intentar reducir o uso de plástico, ou polo menos buscarlle un novo uso para que non chegue ao mar”, insistiu Inés Rodríguez.

Os dous artesáns agradeceron a iniciativa do Concello de Carballo, que estivo representado polo alcalde, Evencio Ferrero, xunto co concelleiro Juan Seoane.