A asociación organiza, por vixésimo oitava vez, a súa cea de Noiteboa e a comida do Nadal, no parque da Alameda // Está destinado tanto aos máis necesitados como ás persoas ou familias que teñen que estar soas nestas datas tan especiais TEXTO Brais Fdez.

A festa do Paluso: celebración da solidariedade e da soidade

Un ano máis
Brais Fernández
A cita reunirá entre cen e trescentas persoas en cada banquete, nunha edición que deixará atrás as máscaras e recuperará as caras. Foto: Fernando Blanco

Un ano máis, e xa van vinte e oito, a Asociación Paluso organiza a súa tradicional festa polo Nadal, celebrando a cea de Noiteboa e a comida do 25 de decembro, un encontro solidario que está pensado, como di a súa alma máter, Chus Iglesias, para aos máis necesitados, pero tamén para aquelas persoas ou agrupacións familiares que se senten soas nestas datas tan especiais.

“Está e unha festa para todo o mundo. Para todos aqueles que precisen de vir e para todos aqueles que precisen compañía. Dende o principio, trátase dunha festa da solidariedade e da soidade”, explica la responsable en conversación con EL CORREO GALLEGO.

Nesta edición, novamente, o encontro terá lugar no parque da Alameda de Santiago, un espazo emblemático da cidade e que os paluseiros xa adoptaron como propio para pasar estas xornadas de festa, nas que se pretende que todos se sentan acompañados, formando entre os asistentes unha familia moi especial.

“A festa do Paluso, dende a primeira vez que se asiste, engancha a todos. O ambiente que se crea é moi bo, moi familiar e, aínda que a gran maioría non se coñecen, salvo aqueles que repiten todos os anos, formamos unha gran familia. Por iso, repetimos sempre que a xente non pase o Nadal soa, que non queden na casa, porque temos unha gran mesa para compartir entre todos”, sentencia.

Neste sentido, lembra a organizadora, este 2022 foron moitas as familias que chamaron para poder participar no encontro, máis que outras veces, porque “non contaban con medios para pasar estas festas”, con motivo das dificultades económicas que están a pasar moitos, a consecuencia da inflación e a escalada de prezos en produtos básicos da vida diaria.

En total, tanto na cea como na comida, haberá entre cen e trescentos asistentes, debido a que a última hora, apuntan, sempre aumenta o número de participantes. En todo caso, as cifras demostran o importante grupo que se forma, así como á cantidade de xente á que chegan con esta cita tan especial e importante.

“Paluso demostrou durante todos estes anos que o que se fai, faise ben. Durante os anos da pandemia, co risco que había, tivemos a sorte de contar coa acreditación para facer a festa, o que demostra que facemos as cousas ben. Aínda así agardo que cando nós non poidamos facela, que alguén continúe este conto de solidariedade e compañía. O orgullo é grande de poder compartir esta mesa coas persoas que o precisen”, confesa.

Para que esta vixésimo oitava edición volva ser marabillosa, os coordinadores teñen preparado un gran menú para ambas datas. Esta noite, os asistentes poderán degustan uns entremeses típicos, para comezar; mexillóns ao vapor, langostinos cocidos e ameixa á mariñeira, para seguir; bacallau con coliflor, “que non pode faltar”; e xamón asado con patacas. Pola súa banda, mañá, a carta repetirá os entremeses e mariscos da noite, mentres que como segundo prato haberá unha paella xigante para compartir con todos e polo asado.

AGRADECEMENTOS AOS QUE FAN POSIBLE ESTA CITA. Para facer posible esta nova festa, a Asociación Paluso contou coa axuda do Coro da Ra e dos Amigos do Coro da Ra, así como doutros axentes sociais e empresarias, de aí que Chus Iglesias se sinta moi agradecida por todo o apoio que reciben.

“Moitísimas grazas, en primeiro lugar, ao Coro da Rá, ao seu director Ramón Bermejo e aos Amigos do grupo por axudarnos nesta festa. Tamén para Simone Negrín, porque fixo posible continuar con esta festa e involucrar a todos. E, por último, aos voluntarios que veñen a axudar na organización, moitas veces deixando as súas casas para aportar o seu gran de area polo ben deste encontro”, explica con emoción.

Por último, Chus Iglesias tamén quixo facer mención á Gala Paluso na Sala Capitol, co concerto da agrupación tradicional. “Como son moitas persoas e teñen moito traballo, esta, que era a duodécima edición, foi a última vez que facían a gala, polo que foi moi especial e emotiva para todos. En todo caso, agardo que os amigos do coro estean aí para axudar como o fixeron até o de agora”, conclúe.

Do mesmo xeito, tamén queren agradecer o compromiso dos composteláns para colaborar coa festa coas súas doazóns. Así, unha vez máis, na matinal de mañá, realizarán unha chocolatada con rosca ou churros para todos aqueles que pasen polo parque compostelán, en sinal de recoñecemento para “todas as persoas anónimas que meten a moeda no peto”.

Con todos estes ingredientes, agora só queda que a celebración sexa un éxito, unha vez máis, compartindo unhas grandes veladas na Alameda nestas datas tan simbólicas, demostrando que o traballo solidario e en conxunto por un ben común, sempre ten premio.