Unha enquisa realizada a alumnos da USC amosa o seu descontento con vivendas e axencias inmobiliarias // “Sempre os entregan sucios e non se aseguran de que todo funciona ben antes de entrar o estudante”, sosteñen TEXTO Ainara Vázquez Sousa

“A maioría dos pisos que nos ensinan aos universitarios non están en condicións para vivir”

Ainara Vázquez Sousa
Colas de estudantes nunha inmobiliaria de Santiago no comezo do curso académico. Foto: Arquivo ECG

Tras unha enquisa sobre os alugueres e inmobiliarias realizada a estudantes de Santiago, os datos son claros e amosan que a inmensa maioría se sinte moi descontenta cara estas propiedades. Tamén son moitos os que din que os alugueres son caros para as calidades que se prestan, xa que senten que por ser estudantes o trato a recibir é pésimo. “A verdade é que a axencia é bastante mala, pasan de nós, estropéansenos as cousas e non as arranxan. Crense que por sermos estudantes somos menos ou algo, e pagar pagamos como todos! Ademais, hai axencias que non pasan os recibos, cobran o que lles parece.. unha vergoña, a verdade”, lamenta un participante.

Ademais, di que “a maioría dos pisos para alugar teñen unha eficiencia enerxética moi baixa (E,F,G), e aínda por riba non ofrecen condicións de hixiene (mofo e humidades)”. Considera que “estaría ben que houbese leis para regular o prezo dos pisos segundo o estado no que estea”. Así, comenta que “para atopar un piso en condicións mínimas hai que buscar moito, e pagar, e aínda así, todos teñen algunha tara, se non é a cociña serán os baños... e algúns que mostran as inmobiliarias diría que non son nin habitables (falta de ventás, luz, ventilación, instalacións, mobiliario deteriorado, falta de mobiliario básico, etc...)”.

Todos eles coinciden ao relatar as súas experiencias, que atopar piso na cidade de Santiago de Compostela sendo estudante é moi complicado, xa que “a maioría de pisos que nos ensinan aos estudantes non están en condicións para vivir decentemente”, e “sempre os entregan sucios”. Asemade, as experiencias que teñen coas inmobiliarias non axudan, xa que “non se aseguran de que todo funcione antes de alugar o piso, cando pides que arranxen algo soen tardar bastante, ademais de que os arranxos soen ser chapuzas provisionais para aforrar gastos”. Algúns deles confesan que de elixir prefiren tratar co caseiro de primeira man antes que coa axencia, xa que, segundo a fonte, “se falas co caseiro aínda que o piso se caia a trozos algo de cariño inda lle vai ter e acabará resolvendo o problema, mais coa axencia é case imposible, só se preocupan de cobrar e moitas veces podes estar cun problema dende principio de curso até finais porque aínda que avises mil veces nunca se recordan de que algo vai mal”.

De cen persoas que teñen respostado a enquisa, hai un número moi limitado que ten unha boa experiencia coa axencia. Estes afirman que, como en todo, “hai inmobiliarias mais preocupadas e outras que pasan, pero moitas veces nin contestan ou directamente trátannos coma se fósemos nenos e non entendésemos as cousas”.

Polo que, como conclusión, pódese dicir que os estudantes non están moi contentos neste aspecto. Un dos participantes na enquisa sinala que “témonos que estar preocupando de cousas que non deberíamos se quenes nos alugasen os pisos tivesen as cousas en orde, porque a maiores, con todo o que temos que facer, inda por riba temos que ir detrás das inmobiliarias porque queremos vivir dignamente. O que quere calquera cando está pagando 500, 600 ou 700 euros o mes polo piso, vaia”.