A peregrinación da nobreza na Idade Media

Xosé A. Grela

Con motivo da peregrinación a Compostela, o pasado día 7 de maio, da Real Asociación de Fidalgos de España, tivo lugar na Aula Magna de San Martiño Pinario a presentación dunha publicación indispensable para a historia das peregrinacións. Editada por esta Real Asociación e baixo a coordinación do director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, D. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, tres investigadores de recoñecido prestixio dan forma a esta publicación: “La peregrinación de la nobleza en la Edad Media”. Pero, antes de facer unha recensión de parte do seu contido, quixera facer unha pequena gabanza dos medios de comunicación, como este xornal, e a súa labor na divulgación non só das novas de actualidade, senón como ferramenta para achegar o coñecemento e a cultura ao gran público.

Todas as áreas do coñecemento publican en revistas especializadas as novas achegas, descubrimentos, hipóteses, revisións... Revistas indexadas e específicas en diversos eidos, onde se publican desde novos tratamentos, teorías, críticas ou matizacións a formulacións asumidas. Non se poden imaxinar vostedes a cantidade de revistas de recoñecido prestixio onde saen as últimas novidades en medicina, botánica, humanidades, historia... E dentro de cada tema o seu micro tema ou especialización: Revistas de Xenética, da Idade Media, da xeración do 27... existindo revistas específicas por autor. Por poñer un exemplo, “La Perinola”, unha revista de investigación quevediana.

Así se divulga o coñecemento. Obviamente, non podemos estar ao tanto de tantas achegas nin de tantas publicacións, e aí é onde entran os suplementos culturais dos xornais ou as súas páxinas adicadas a divulgación científico cultural. Grazas a eles accedemos a resumos desas publicacións que nos pasarían desapercibidas e que, en función das nosas apetencias, gustos e gañas por aprender, pasaremos a profundar ou non.

Feitas estas aclaracións, agardo a que se contido das peregrinacións da nobreza na Idade Media é do seu interese, continúe lendo este breve artigo para abrir boca.

Segundo di a sabedoría popular, o mellor que ten feito Deus é a xustiza igualitaria da morte, porque os ricos tamén morren, e non hai cartos que vallan para mercar prórrogas. Feito tamén constatado na tradición culta. Tópicos como: Ubi sunt, Memento mori, Tempos fugit, Omnia mors aequat, Vanitas vanitatum... ou numerosos sermóns da Patrística, como o de San Pedro Crisólogo, quen tanto influíu nunha das mellores plumas da lingua española, a de Francisco de Quevedo, “Da potum, da vestimentum, da tectum, si Deum debitorem, non judicem vis habere”. (S.P. Crisólogo, PL 52, Sermo XLII, 320) formaban parte dunha época e dunha sociedade moi creativa, imaxinativa e crente. Isto tamén o tiña moi presente a nobreza medieval, que a pesar de estar nun status de poder e de privilexio, exercía a caridade, a obra social, exvotos, e peregrinaba para pedir as mesmas cousas que o resto de concidadáns.

Carlos Andrés González Paz recolle aquela vella idea do home viator medieval e engádelle o título de “peregrinus”, sen excluír ás grandes esquecidas nesta historia, as mulleres. Por iso, a súa investigación trata de “Viatores e viatrices ad iter Iherosolimitanum”. Unha reflexión tan atinada, que nos remite a nosa esencia humana. Acaso o home non comezou a súa existencia sendo viator e religiosus? Acaso o home viator non terá que emprender novos camiños polo universo?

Estas preguntas asáltanme como lector que interroga o futuro, despois de ler que a liñaxe dos Traba, que tanto influíu nos destinos desta terra, foi repetidamente a Terra Santa, e que unha das primeiras palmeiras galegas, logo de Exeria, Guncina González, estaba casada con Rodrigo Froilaz (de Traba).

Entre medias, o bispo galego Hidacio de Chaves, Paulo Orosio, nos tempos en que falar de Bracara (Braga) era falar de Galicia, ou do conde Santo “Osorio Gutiérrez”, de Vilanova de Lourenzá, quen trae de cabeza a non poucos historiadores á hora de corroborar a historicidade da súa viaxe.

A haxiografía non foi a única fonte empregada. Tamén a consulta de testamentos, arquivos monacais, doazóns, disposicións de bens... asinados polos propietarios e dispoñendo vontades en caso de non volver da viaxe xerosolimitana. Bens, nalgúns casos destinados ao sostemento da comunidade cristiá de Terra Santa e, noutros, a mosteiros galegos como os de Toxosoutos, Caaveiro, Sobrado dos monxes... A nómina de nobres galegos, infanzóns, presbíteros, diáconos, laicos adiñeirados é ben interesante. Porén, eu reflectirei aquí, non os seus nomes, senón outro dato que, como ribeirán do Tambre pido permiso para investigar. Refire, Carlos Andrés, que a xeografía portuaria galega serviu de punto de avituallamento e recalado das rutas marítimas cruzadas, procedentes da Europa atlántica. Temos constancia de cruzados daneses, alemáns, flamencos, ingleses... recalando nos portos galegos durante os ss. XII-XIII. Algúns destes grupos de cruzados aproveitaron a menor distancia a Compostela para achegarse ao santuario do Apóstolo. Ata en tres ocasións, 1147, 1189, 1217, centos de cruzados que estaban na desembocadura do Tambre (ad portum Tambre) diríxense a Santiago, aproveitando a súa proximidade.

Por outra banda, a historiadora Marta González Vázquez afonda nas peregrinacións da nobre Bríxida de Suecia e da raíña Isabel de Portugal. Dúas extraordinarias donas que conviviron no século da peste negra e que, como mulleres tiveron obrigas coa procreación e a continuidade das súas respectivas estirpes, pero, que, unha vez viúvas, exerceron de mecenas, financiaron institucións, camiños, pontes, mosteiros, practicando e promovendo a caridade, polo que foron nomeadas santas. Mais, se o groso da investigación é sobre estas donas, permítanme contarlle aqueles outros datos que as contextualizan. Marta González descúbrenos unha Compostela cunha actividade económica e comercial por riba de moitas capitais europeas: cambistas, mercadores, feiras, aloxamentos, hospitais, gremios prestixiosos... Sirvan como exemplos que os propios monarcas hispanos buscaban compradores na cidade para ter efectivo e financiar gastos sobrevidos. Alfonso VII envía a Santiago a un funcionario real para vender un cáliz de ouro, porque “no había en España lugar donde pudiese venderse mejor”. O arcebispo, D. Pedro Suárez de Deza asina un acordo de licencia con máis de cen tendas de vendedores de cunchas na cidade. A ruta directa entre Inglaterra e Galicia, traía peregrinos e levaba de volta viño galego. Outro dato, tomado de Fernando López Alsina, descríbenos unha cidade rodeada de milladoiros. Delimitaban o dominio urbano, xeralmente identificados cunha ermida, un cruceiro... e onde os peregrinos agradecían ter chegado ás portas de Santiago deixando a súa pedra. A pesar de que só conservamos un topónimo, había milladoiros en cada unha das rutas de chegada: “además del actual Milladoiro (...) uno, en torno al río Sar, hacia la ciudad de Ourense; otro en el camino hacia Lugo, a la altura de San Marcos, en el actual camino francés; otro en Ponte Alvar, hacia Bergantiños y Malpica; otro en el camino inglés, a la altura de Sigüeiro; otro en los términos de la actual parroquia de Cacheiras, de camino a Pontevea”. (La ciudad de Santiago en la Alta Edad Media, 1988, p. 136) Moi documentada está a presencia e a viaxe da raíña Isabel a Católica. Cunha comitiva que superaba as duascentas persoas, inicia unha peregrinación metade política, metade devota, para frear unha potencial rebelión do conde de Lemos en Ponferrada e de paso agradecer ao Apóstolo as últimas vitorias fronte aos musulmáns. Recolle, Marta González, do Libro del Limosnero de Isabel la Católica, datos moi ilustrativos: “después de las celebraciones religiosas, la Reina mandó dar limosna de un real a todos los peregrinos que encontrasen, repartiéndose ese día, ciento cinco reales, lo cual nos da la idea del número de peregrinos presentes en esta fecha”.

Por último, a historiadora estadounidense Helena Guzik, preséntanos a aristócrata renacentista, Isabella d'Este, marquesa consorte de Mantua, de ascendencia real aragonesa, como peregrina a Roma e a outros santuarios itálicos: Loreto, Asís, Santa María delle Grazie... As motivacións, os impedimentos e vicisitudes que, como muller tivo, non se diferencian do resto de peregrinas nobres europeas.

Unha edición moi coidada, que chama por quen queira documentarse. Eu engadiría unha finalidade: e para poder ser conscientes de formar parte dunha paisaxe histórica. De estar no mesmo sitio onde pasaron cousas noutro tempo. E, se o tempo é relativo como dixo Einstein, para quen o pasado, o presente e o futuro non existen; estar no mesmo sitio e lugar onde sucedeu algo é un privilexio, un privilexio para todos aqueles que saiban que “o tempo é unha mera percepción dos nosos sentidos”. Por iso, se estamos nalgún punto da ría de Arousa, estaremos asistindo como espectadores, por onde remontaron barcos normandos ou daneses e, se estamos en Compostela, teremos a sorte de escoller na liña temporal. Non hai que quitarlle séculos ao noso reloxio. Hai que ter a imaxinación mínima necesaria, sentirnos afortunados e escoller que momento queremos revivir, porque estar xa estamos no mesmo espazo, no mesmo punto e no mesmo lugar de moitos acontecementos. O tempo inventámolo nós.

Xosé Antonio Grela. Doutor en Filoloxía Románica