A Xunta ‘leva’ a cultura aos centros de ensino con novos plans de visitas en liña

Os escolares poderán coñecer a historia e segredos da sede escénica do Centro Dramático Galego, o Salón Teatro // Ademais, a Cidade da Cultura achega as súas exposicións ás aulas a través dun programa pedagóxico pioneiro
Teatro
Martin Fernández

A Xunta reforza a súa aposta por achegar a cultura aos centros escolares galegos pese a actual situación sanitaria. E faino a través de novos programas de visitas en liña ao Salón Teatro e as exposicións da Cidade da Cultura. Neste sentido, o Centro Dramático Galego (CDG) acaba de abrir a convocatoria para o seu programa Os segredos do Salón Teatro. Visitas en liña ao corazón do teatro, dirixido a centros educativos de Primaria e de Secundaria de toda Galicia.

Con motivo da conmemoración do centenario do Salón Teatro, edificio no que ten a súa sede, a compañía pública retoma as súas actividades escolares, adaptándoas á actual situación sanitaria para o seu desenvolvemento de xeito virtual. Tras a positiva resposta obtida na primeira experiencia piloto xunto a un grupo da Eleven School de Vigo, o CDG estende agora esta proposta a todos os centros interesados en participar durante o actual curso escolar.

A actividade desenvolverase os mércores, cunha duración máxima estimada de 45 minutos. A través dela, os estudantes terán a oportunidade de descubrir que se agocha tras o pano do Salón Teatro, nun percorrido virtual e guiado polo escenario, o peite, os camerinos, a xastrería, a cabina de control e demais espazos que non adoitan abrirse ao público.

Buscarase, ademais, a interactividade co alumnado para lles dar resposta a todas as curiosidades que poidan xurdir ao respecto do funcionamento dun teatro, a produción dun espectáculo ou os diferentes oficios nel implicados.

Ao tempo, coñecerán de primeira man a evolución experimentada polo edificio nestes 100 anos de vida e, especialmente, tras a súa rehabilitación pola Xunta de Galicia para recuperalo como espazo escénico en 1999. Con tal motivo, ofrecerase tamén unha aproximación á historia do teatro profesional galego, da que o Centro Dramático Galego é parte fundamental, lembrando espectáculos, compañías e grandes intérpretes que se subiron ás táboas do Salón Teatro nos últimos vinte anos.

Outro dos obxectivos deste programa é poñer en valor as numerosas profesións artísticas e técnicas que forman parte do ámbito teatral (dirección, interpretación, escenografía, iluminación, son, tremoia, rexedoría, vestiario, produción etc.), incidindo na necesidade de rachar cos roles e cos estereotipos de xénero.

As solicitudes para participar en Os segredos do Salón Teatro poden remitirse ao correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

Gran potencial didáctico. E coa intención de ofrecer aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da COVID, o Museo Centro Gaiás tamén leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa –pioneiro en Galicia– de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia.

O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Centro Gaiás. A iniciativa foi recibida con entusiasmo por parte da comunidade educativa, esgotándose en apenas unhas semanas as quendas dispoñibles ata o 15 de xaneiro.

Dirixidas a alumnado de ESO e Bacharelato, as visitas didácticas en liña a Galicia, de Nós a nós permiten achegarse a distintas pezas e relatos que se abordan na exposición, co obxectivo de destacar a importancia de Nós na construción da identidade galega e a súa pegada na nosa lingua e cultura.