Acollemento familiar a menores: moito máis que un teito

ECG Redacción
A familia de Mariló posa co pequeno que teñen actualmente en acollida. No resto de imaxes, os fillos de Natalia xogan cos dous nenos que pasaron pola súa casa nos últimos anos, e que compartían habitación co seu fillo pequeno

O futuro de calquera de nós vén moi marcado por todos eses recordos cos que a nosa mente nos retrotrae ate a infancia. Para moitos nenos e adolescentes ese espello mental que están construíndo non mostraría unha imaxe tan nítida e tan afable se non fose por familias que, desinteresadamente, decidiron ofrecerlles moito máis que unha cama e unha neveira ben chea. Son as familias acolledoras que, baixo a xestión da Consellería de Política Social e de Cruz Vermella, fixeron posible que en 2020, e en plena pandemia sanitaria, máis de 1.200 menores puidesen ter unha vida mellor. Moitos deles, como os protagonistas que hoxe contan as súas historias, son de Compostela e da súa área de influencia.

Familias que pola súa situación económica non poden garantir os recursos que precisan os seus fillos, ou núcleos que están temporalmente desestructurados por diversas problemáticas son dous dos principais motivos que levan a Administración a ter que facerse cargo dun menor. Debuxar un perfil das causas que motivan as intervencións é complexo xa que son variadas, tal e como explica a subdirectora xeral de Política Familia da Xunta, Cristina Blanco: “Desde neglixencias por ausencia de coidados básicos ata situacións moito máis graves como a violencia sexual”, explica. Cando o problema de base é exclusivamente económica, a intervención é diferente, con axudas ás familias, pero non co acollemento familiar. Malia que aínda é cedo para valorar como está influíndo a pandemia, Blanco recoñece que se notou un aumento en 2020 das medidas de protección asumidas. “O confinamento levou a situacións límite que ata agora non afloraban, como a violencia doméstica”.

Unha das demandas dalgunha das familias é que exista un acompañamento psicolóxico continuado, sen embargo, o que se busca é ofrecelo só cando é necesario: “Non todos os nenos a precisan, non hai que patoloxizar o feito de pertencer á rede de protección”, especifica Cristina Blanco. Outro asunto no que insisten os acolledores é no feito de que moitas veces os irmáns conviven separados, por exemplo, un dos menores en acollemento en familia extensa -avós, tíos...- e o outro en familia allea -sen parentesco-. Na Xunta insisten en que sempre se busca a agrupación, pero asumen que non sempre é posible.

“Sempre hai necesidade de máis familias acolledoras para poder dar cabida aos dereitos fundamentais que teñen os nenos, pero hai que deixar claro que non todas as familias valen, é unha tarefa dura, e pasan por unha coidada avaliación”, relata a subdirectora xeral de Política Familiar. É dicir, os menores que proveñen de familias con determinadas problemáticas levan consigo unha carga maior que a que pode ter calquera outro neno. “A súa mochila pesa máis que a do resto”, resume Blanco.

Todas as persoas interesadas en converterse en familia acolledora poden dirixirse ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social ou ben aos servizos sociais do seu concello, ou, se se trata de familias alleas, directamente á Cruz Vermella, onde lles informarán das condicións e documentación que deben presentar. Hai que subliñar que todos os membros da unidade familiar deberán aceptar voluntariamente o acollemento e a relación coa familia do ou da menor.