“Ao haber moita xente que non te coñece, tes que ser ti quen conecte”

Manuel García Solano
XOSÉ MANUEL BUDIÑO actuará hoxe no Son do Camiño. Foto: CG

Quen quedase co Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) dos seus inicios, con aquel Paralaia (1997) que axudou, xunto aos discos publicados por Carlos Núñez e Luar na Lubre, entre outros, a propagar unha febre imparable pola música popular de raíz celta quizais se sorprendeu ao ver o seu nome na relación de artistas de O Son do Camiño. Para os que escoitaran Fulgor (2019), o primeiro disco no que se atreveu a cantar e que supuxo unha evolución cara ao pop, a súa participación no festival chama menos a atención. De feito, ten xa preparado novo disco no que repite coa voz e do que xa presentou como adianto Muiñeira da lúa. Despois de actuar polo catro continentes -Oceanía aínda se resiste- e compartir escenario con grandes figuras internacionais, esta tarde, a partir das 17.20, despregará o seu repertorio por primeira vez nun gran festival alleo ao folk en Galicia. No medio dous ensaios previos ao evento conversou con EL CORREO sobre o que supón o inicio da súa nova xira de verán en Santiago.

Aos puristas do folk, que quedasen co Budiño de finais dos 90 e do inicio deste século pódelle resultar raro velo nun festival que aposta polo rock, a música electrónica e os ritmos urbanos.

Pode ser que en Galicia chame a atención, pero eu levo moitos anos tocando en grandes festivais por todo o mundo, xunto a Patti Smith ou Van Morrison, actuando ante 40.000 ou 50.000 persoas. Hai moitos festivais que non están pechados a un só estilo musical. Sí que é certo que fóra están máis afeitos a abrilos a outros xéneros. Pero parece que aquí vai cambiando esa tendencia.

Se non dera ese paso cara ou pop con Fulgor igual non estaría no cartel.

Eu quero pensar que si. E que se valoraría a miña traxectoria. En todo caso é bo que haxa artistas galegos nos grandes festivais que temos.

O troco de estilo que supuxo ou lanzamento de Fulgor quedou algo soterrado pola pandemia.

Lamentablemente foi así. Freou esa nova etapa que me apetecía moito. Xa estabamos preparados para O Son do Camiño 2020 e viuse todo abaixo.

No seu día, Camarón de la Isla ou Enrique Morente foron moi discutidos polas súas innovacións no flamenco clásico. ¿Considera que asumiu de bo grado o seu público de sempre o troco estilístico e de comezar a cantar?

Se os exemplos son Morente e Camarón é que estou facendo ben as cousas, porque La leyenda del tiempo y Omega son dúas biblias musicais e son moi admirador destes grandes creadores. En cada disco tratei de facer cousas variadas, con músicos distintos e instrumentacións diferentes. Esta claro que este troco foi máis radical, unha aposta moi decidida. O feito de que ía cantar so llo comentei ás persoas mais achegadas da familia. Buscaba a sorpresa, tirarme ao abismo e sen paracaídas. E estou encantado cos dous mundos, porque me permite dosificar un instrumento tan poderoso como é a gaita e agora é mais poderoso ao non estar permanentemente en primeiro plano.

¿Cómo foi ese paso de decidirse a cantar?

Cantei toda a vida. Eu, cando compoñía, xa lle pasaba aos distintos colaboradores os borradores cantados por min e comentaban que tiña que atreverme. O día clave para abandonar ese pudor foi en Canadá, nunha tarde maravillosa nas cataratas do Niágara co meu amigo, Fran Pérez, Narf, que, despois de escoitarme nas probas de son, dixo: “Que fago eu aquí cantando? Tes que facelo ti”.

¿Resultou sinxelo integrar esa nova faceta de cantar coa de instrumentista nos concertos?

Xusto en Santiago estreamos a nova xira de verán, na que haberá as dúas vertentes: a parte cantada de Fulgor e temas dos primeiros discos que teñen un poderío moi importante coa gaita. Non levamos baixo nin batería, aínda que sí moita electrónica e videocreación en directo. Agardamos que sexa un espectáculo moi equilibrado e que nos permita conectar coa xente desde a primeira canción.

¿Cómo espera a acollida do público, xente en moitos casos máis nova e que non coñece a súa música?

Cando imos fóra sabemos que boa parte do público non che coñece moi ben. Mesmo é bo porque chegas á xente mais rápido. Ao haber moita xente que non coñece a túa música, tes que ser ti quen conecte co público para poder metelo non peto e facer unha festa xuntos. Nese senso estamos ben rodados despois de tantos anos de festivais. E imos tratar de que sexa así e gocen do concerto aínda que non coñezan a miña música. Será tamén a primeira actuación que faremos coa xente de pé e sen máscaras.

¿Ten previsto ver a outros artistas no festival?

Son moi festivaleiro e gústame estar e aprender. Por exemplo, Rayden, que me encanta, é un artistazo e está na miña axenda para velo de novo. Unha colaboración con el? Por que non? Fixo cousas moi fermosas coas Tanxugueiras. Tamén gústanme Rigoberta Bandini, C Tangana, Guadi Galego, Wöyza e os grandes clásicos, que sempre convén seguilos para aprender e gozar con eles. E tamén novas bandas que non coñezo e seguramente vanme sorprender.