As familias xa poden utilizar a Tarxeta Benvida para mercar en 160 librarías

A conselleira de Política Social destacou a importancia de fomentar o hábito da lectura nos nenos // Este programa tamén inclúe axudas na compra de alimentos
Gustavo López
COMPOSTELA A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou onte a emblemática libraría Follas Novas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou onte a adhesión da Federación de Libreiros de Galicia ao programa da Tarxeta Benvida. Esta colaboración permitirá ás familias beneficiarias desta axuda económica facer uso dela nos 160 negocios que integran esta rede, tal como adiantou a representante do departamento autonómico durante unha visita que realizou onte á emblemática libraría Follas Novas, situada no centro de Santiago.

A conselleira destacou, ademais, a importancia de fomentar o hábito lector nas nenas e nenos desde as idades máis temperás. Neste sentido, sinalou que este acordo permitirá que as familias poidan empregar esta axuda na compra de libros, ademais de na compra de alimentos, produtos de farmacia, roupa ou cueiros. Así mesmo, Fabiola García lembrou que a Tarxeta Benvida leva beneficiado a 67.000 galegas e galegos durante os últimos cinco anos, para o que a Xunta investiu un total de 91 millóns de euros. Unha prestación que se suma á gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos ou ás casas niño, pequenas escolas infantís no rural que chegarán este ano a preto de 100 concellos galegos.

Esta axuda directa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos.

Ademais, desde o ano 2017, a axuda estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda igual ou inferior aos 22.000 euros, por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro. Cada ano vaise mellorando a Tarxeta Benvida, e así en 2018 abriuse a posibilidade de que as galegas e galegos residentes no exterior que retornen a Galicia poidan optar á axuda.

Dende o ano 2019 pódese presentar xa a solicitude da Tarxeta Benvida desde o embarazo, sen ter que esperar ao nacemento do bebé.