As rúas de Compostela cheas de manifestantes para reivindicar dereitos

A mocidade independentista aposta por unha transformación social
Redacción ECG
Ceivar en loita pola liberdade dos presos independentistas.

Santiago. A marcha convocada polo BNG este domingo foi sen dúbida a central do nacionalismo galego, pero a maiores uníronse outras nacionais e independentistas nas que se contou cunha gran afluencia.

Mentres, Anova, cofundada polo histórico Xosé Manuel Beiras, tamén reivindicou unha Galicia “libre” nun acto no que o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, incidiu na necesidade de “construír un suxeito que articule todas as loitas sociais”, como a defensa dos servizos esenciais.

Antón Sánchez, que tamén estivo arroupado polo exalcalde Martiño Noriega, cualificou de “provocación” e “mostra de debilidade” a exhibición dos avións que, parafraseando a Beiras, “esparcieron estupefaciente de colorines vermello e amarelo”.

Entre os grupos independentistas, este sábado a cadea humana de Ceivar (Organismo Popular Anti-Repressivo) volveu levar a reivindicación e a loita ás rúas de Compostela pola “defensa dos dereitos sociais e políticos no noso país, a independencia e o respecto aos dereitos humanos nos carceres”. Membros do organismo manifestaron as súas queixas ante un “abusivo” dispositivo policial. “Secretas da Policía Nacional veñen de parar a uns compañeiros nosos e metelos nun calexón camiño da manifestación”, informaron nas súas redes sociais. A manifestación rematou na Praza do Pan onde houbo lectura de manifestos por parte de Ceivar e o colectivo de presos independentistas galegos.

Por outra parte, nas reivindicacións da organización Briga (Juventude Comunista, Feminista e Independentista Galega) reclamouse na rúa a república galega “como marco que permita transformar a nosa realidade e conquistar o noso futuro”. Saíron da Alameda ás 20.00 horas deste sábado con berros, cores e forza contra a precariedade, na defensa do ensino público, na defensa da independencia e os dereitos nacionais. ecg