Cardioloxía e Neuroloxía do CHUS, os mellores de España

Ademais destes dous Servizos, o Centro de Saúde de A Estrada foi recoñecido na XVII edición dos Premios Best in Class (BIC)
Premios Best in Class
Sabela García
Acto organizado pola entidade Ecodes no que se reflexionou sobre os avances no ‘Programa de Salud de Glasgow’. Foto: Sergas

O Centro de Saúde de A Estrada e os Servizos de Cardioloxía e Neuroloxía da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza foron novamente recoñecidos como os mellores de España na XVII edición dos prestixiosos premios Best in Class (BIC), no que aspectos como a calidade asistencial, a innovación e a atención ao doente dos traballadores foron puntos clave para a condecoración.

Ademais, o CHUS ven de sumar outro recoñecemento ao ser, unha vez máis, distinguido no eido nacional polo seu labor e compromiso medioambiental ao ser elixido como un dos dez hospitais nacionais con as propostas máis ambiciosas en materia de descarbonización. A homenaxe tivo lugar nunha xornada organizada por Ecodes e trátase do segundo recoñecemento nacional que acada este ano a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza polo seu labor neste eido.

PREMIOS DE PRESTIXIO. Os premios Best in Class (BIC), promovidos anualmente polo diario de información sanitaria Gaceta Médica e a cátedra de Innovación e xestión sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos, pretenden “promover a calidade asistencial nos hospitais e centros de saúde”. Estes premios buscan, polo tanto, recoñecer publicamente ao mellor centro de Atención Primaria, hospital e servizos e unidades estatais, tanto públicos coma privados, que buscan a excelencia na atención que lle prestan aos seus pacientes.

A concesión dos premios baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos indicadores de calidade recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cumprimentados polos hospitais e centros de atención primaria.

RECOÑECEMENTO E EXCELENCIA. O CHUS foi considerado un dos cinco mellores hospitais de España de Alta Complexidade, mentres que conta con nove servizos ou unidades considerados tamén entre os 5 mellores no eido nacional: a Unidade de Esclerose Múltiple, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Medicina Intensiva (Reanimación), Farmacia Hospitalaria en Oncoloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía, Investigación en Oncoloxía, Patoloxía Dixestiva e Reumatoloxía.

Así mesmo, cabe destacar que a Unidade de Infectoloxía Pediátrica recibiu un recoñecemento-premio de ‘Excelencia Cinco Estrelas’, unha mención especial por ter resultado elixida a mellor de España nas últimas catro edicións.

O traballo desenvolvido polos profesionais da área sanitaria de Santiago e Barbanza conta cunha longa tradición de recoñecementos e premios, entre os que suma agora o segundo recoñecemento a nivel nacional polo seu compromiso ambiental.