Cascada de millóns para renovar Compostela: o Real Padroado acorda un novo plan de cidade

A capital do futuro: unha reordenación das vías principais, a creación dun centro loxístico de distribución e melloras ambientais en todos os espazos verdes e ríos
ECG Redacción
(I-D) El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez; el ministro de Cultura y Deporte, Miquel Iceta; el rey Felipe VI; la ministra de Hacienda y Función Pública, María Jesús Montero, y el presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, en el marco de la reunión del Real Patronato de Santiago, en el Hostal dos Reis Católicos, a 25 de julio de 2021, en Santiago de Compostela, Galicia (España). Este domingo Galicia celebra su Día da Patria y uno de los actos convocados es la reunión del Real Patronato de Santiago. Esta cita llevaba sin celebrarse 18 años, desde el 2013. En este encuentro, las administraciones presentes planean abordar un plan de actuaciones para la ciudad 2021-2032. 25 JULIO 2021;GALICIA;SANTIAGO DE COMPOSTELA;REAL PATRONATO DE SANTIAGO César Arxina / Europa Press 25/07/2021

Dezaoito anos despois o Real Padroado da Cidade de Compostela reuniuse de novo para planificar cal será a capital galega do futuro. De aquí nunha década, segundo os acordos alcanzados onte, a mobilidade urbana, as áreas verdes, as actividades culturais e a distribución vivirán un lavado de cara pensado para que a cidade sexa máis práctica, vangardista e sustentable. O Hostal dos Reis Católicos foi durante a tarde de onte o escenario elixido para acoller a reunión que converteu á cidade no centro de España coa presenza do rei e das máximas autoridades do equipo de goberno estatal. O acto estivo presidido por Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Tamén participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta; o delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade -órgano executor do Real Padroado-, Xosé Sánchez Bugallo; o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; o reitor da Universidad de Santiago de Compostela, Antonio López; e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela, que actúa como secretaria.

Na xuntanza, Sánchez Bugallo presentou a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032, a cal conta cun investimento previsto global de 281.562.000 €, que se artellan sobre tres importantes proxectos de actuación, entre os que destaca o chamado Dobre anel. Este propón reordenar os espazos perimetrais do centro da cidade: o eixe Basquiños-Virxe da Cerca-Senra, coa praza de Galicia como nodo central. A segunda pata dese dobre anel aborda as actuacións nos múltiples espazos verdes: a Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén os corredores fluviais do Sar e o Sarela, e inclúense actuacións no Hórreo e en Sar, por ser dous conectores de toda á cidade: a rúa do Hórreo conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura. Coa futura reordenación, a mobilidade de Santiago dará un xiro radical en termos de practicidade.

Pese a que a modificación das áreas de mobilidade é un dos que terá un impacto máis notable, o Consorcio destaca como a pata máis ambiciosa o proxecto Xestión de fluxos, centrado en garantir a preservación patrimonial da cidade histórica, facéndoa compatible coas necesidades e circunstancias actuais, tendo en conta a necesidade de reordenar a distribución de mercadorías e aprovisionamentos e o ciclo integral da auga.

Cabe sinalar que, a este respecto, o alcalde dixo nunha entrevista recente nestas páxinas que urxe a modificación do reparto de mercadorías na zona histórica, algo que xa se comezou a ataxar co cambio de horario de reparto na modificada ordenanza de transporte. Con ese obxectivo en mente, acordouse reordenar a distribución de mercadorías e os aprovisionamentos.

ROBOTIZAR O REPARTO E DAR UNHA NOVA VIDA A ESPAZOS EN DESUSO. As actuacións incluirán a creación dun centro loxístico robotizado de distribución, localizado preto do casco histórico e das principais vías de comunicación, a conformación do modelo con todos os axentes implicados, o deseño de rutas óptimas e a adquisición de vehículos de baixo impacto medioambiental.

Por outra banda, o proxecto Compostela Cultural Area busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais. Búscase así crear produtos culturais ligados ao patrimonio para descentralizar o turismo; e tamén xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos, ao estilo do acaecido con O Son do Camiño, co éxito xerado desde a súa creación en 2018. Ademais, destaca o sostemento de dúas institucións culturais: a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais. A maiores, non só a cultura tomará un novo impulso, senón que se porá tamén o aceno no plano sanitario. Así, unha das intervencións máis destacadas é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario. Precisamente, unha das apostas municipais é fomentar a industria ligada á tecnoloxía sanitaria no futuro polo Sionlla Biotech, polo que este Polo sería un complemento máis a esa Compostela con tecido industria.

POLO AUDIOVISUAL DE GALICIA. Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, pretende crearse o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio. Por outro lado, aproveitando a longa experiencia do Consorcio en recuperar edificios para usos dotacionais da cidade (Museo das Peregrinacións e de Santiago, Ala Sur de Bonaval para Museo do Pobo Galego, Casa do Cabido, Curtiduría de Pontepedriña para Centro Nacional de Referencia en Formación en Rehabilitación...), proponse tamén recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios para actividades.

Segundo trasladou o Consorcio, todas as liñas de actuación recollidas na proposta estratéxica plurianual do Consorcio forman parte dun obxectivo principal: construír un modelo transformador para mellorar todo o tecido da cidade: aumentar a súa competitividade, a posibilidade de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a capacidade do seu territorio para evolucionar e adaptarse a distintos escenarios posibles, pero sempre desde a base do seu excepcional patrimonio cultural. Toma relevancia o punto de vista ambiental, nun proceso a longo prazo iniciado xa no presente coas diferentes peonalizacións das zonas do centro histórico da cidade.