Co patrocinio da Xunta, contará con autores nacionais referentes da novela histórica // As actividades serán con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, enmarcándose estas dentro da programación do setenta aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago TEXTO Francisco Cernadas

Catro estrelas literarias ao servizo da historia dun Camiño prodixioso

Historia
Francisco Cernadas
relatores. Isabel San Sebastián, Juan Eslava Galán, Emilio Lara e Antonio Pérez Henares. Fotos: ECG / Efe

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea dende a historia e a novela deste subxénero narrativo, que contará coa participación de escritores referentes deste ámbito e autores de best sellers relacionados coa temática xubilar, baixo a dirección de Isabel San Sebastián.

Organizada pola asociación de Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o vindeiro luns 27 de setembro ás 19.00 horas, coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino, un acto levado a cabo pola recoñecida xornalista e escritora.

Os relatorios continuarán nas xornadas sucesivas, sempre no mesmo horario das sete da tarde. O martes 28 será a quenda de Antonio Pérez Henares (Os cabaleiros de Santiago), seguiralle Juan Eslava Galán (Os meus Camiños de Santiago) o mércores 29, e pechará Emilio Lara (O Camiño e a aventura de Europa) o xoves 30. De marcado carácter divulgativo, todas elas celebraranse no auditorio do Museo, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

A entidade organizadora, formada por un grupo de escritores e historiadores españois, traballa por difundir o pasado do país a través deste subxénero novelesco, combinando realidade e ficción con rigorosidade polos feitos acaecidos, a través das ferramentas propias da narrativa. O obxectivo, remarcan, é o de ligar a Historia coa Literatura a través de seminarios, cursos universitarios ou ciclos de conferencias, todas elas de xeito ameno e atractivo para o gran público.

Este ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso enmárcase dentro das distintas actividades conmemorativas polo setenta aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, as cales inclúen unha programación variada e dirixida a todas as idades. O máximo ente autonómico busca así fomentar o papel estratéxico deste lugar na divulgación xacobea, especialmente coincidindo co dobre Ano Santo que se celebra en 2021 e 2022. Para iso, a programación especial desta efeméride inclúe visitas teatralizadas, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, concertos e exposicións neste último trimestre do ano.