Compostela configúrase como un polo de innovación biotecnolóxica

O centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, que conta coa colaboración da Xunta, ofrecerá novas oportunidades de emprego e actuará como motor económico // Instalaranse 22 laboratorios modulares
Tecnología
Martin Fernández

O centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech permitirá que a biotecnoloxía, un dos sectores máis innovadores e con máis proxección de futuro, despegue e asente toda a súa capacidade no parque empresarial da Sionlla, convertendo Santiago no epicentro do polo de innovación deste sector industrial en Galicia.

O centro vai permitir a concentración xeográfica do ecosistema biotech galego. A infraestrutura contará con 2.500 m2, onde se instalarán 22 laboratorios modulares e espazos de uso común con equipamento de alta tecnoloxía. Esta iniciativa, impulsada pola Asociación Área Empresarial do Tambre, conta coa colaboración da Xunta, cunha achega de catro millóns de euros, o Concello, a Cámara de Santiago e a Universidade, ademais do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

As empresas e institucións poderán dispoñer nun só espazo de instalacións e equipamentos especializados, incrementado a colaboración e sinerxías entre empresas e centros de coñecemento. Neste sentido, “facilitará a cooperación para o desenvolvemento de novos proxectos e modelos de negocio conxuntos, e a interacción con grandes empresas coas que compartirán servizos e instalacións”, destacan desde a Xunta.

Proxecto empresarial. A Mesa do Acordo da Sionlla, creada en xaneiro de 2016 entre a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), e o Igape, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago (USC), a Cámara de Comercio e a Asociación de Empresarios do Tambre, decidiu apoiar a posta en marcha dun centro do sector biotech neste polígono, concibido como proxecto empresarial singular que proporcione espazos industriais e servizos ás empresas do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida.

En total, son sete as parcelas reservadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, cunha superficie de 63.798 metros cadrados, para a implantación do novo proxecto biotecnolóxico e de innovación dixital, e nos últimos meses xa se recibiron consultas e se mantiveron contactos con varias empresas interesadas en formar parte de Sionlla Biotech, que ofrecerá novas oportunidades de emprego e actuará como motor económico da zona.

Integración no Hub de innovación dixital. O centro integrarase no Hub de innovación dixital liderado por Bioga, unha iniciativa que, xunto coa promovida polo Clúster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), será clave para a industria galega ante os retos da transformación dixital, creando un ecosistema de traballo conxunto entre o tecido industrial, o coñecemento e a Administración.

Os dous hubs, que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, funcionarán como unha xanela única achegando ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan. Están aliñados coa Iniciativa comunitaria para a dixitalización da industria europea, e integrados na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, ao tempo que permitirán posicionar a comunidade no mercado a través da diferenciación.

Os hubs “son un exemplo de como, a través da colaboración público-privada, se pode avanzar e dar as respostas que necesita o tecido produtivo, compartindo capacidades e xuntando esforzos”, destacan desde a Administración autonómica.