a súa integración real

O órgano cosultivo constitúese hoxe coa previa aprobación do regulamento//Busca fomentar o apoio e asociacionismo entre a terceira idade
Tercera Edad
María Hermida
Persoa maior sentada na Alameda de Santiago. Foto: ECG

O Concello de Santiago constitúe hoxe, nun acto no Pazo de Raxoi, o Consello municipal de persoas maiores. O pleno aprobou inicialmente o regulamento do órgano en marzo de 2021, co fin de materializar o acordo acadado polo Pleno municipal o 24 de outubro de 2019, así como dotar de autonomía propia a este consello municipal.

Co acto de constitución, que preside o alcalde Xosé Sánchez Bugallo ás 12.00 horas, búscase impulsar iniciativas orientadas cara a un envellecemento activo. A este respecto, Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais, reivindicou o papel da administración local, que se “converte nunha referencia clara para a promoción de actividades, así como para a prestación de cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da cidadanía, na que se inclúen os nosos maiores”.

A concelleira lembrou tamén a necesidade e oportunidade da revitalización deste órgano xa que “o número de habitantes de 65 ou máis anos empadroados no municipio de Santiago de Compostela medra cada ano”. Porén, a este respecto, o obxectivo desta iniciativa é “crear un órgano consultivo de participación cidadá para a análise, asesoramento e seguimento da acción municipal para as persoas maiores, de cara a dar resposta ás necesidades e demandas da veciñanza de Santiago que teñen no municipio o ámbito territorial onde se concretan en primeira instancia”, según especifica o regulamento do órgano.

A iniciativa para a súa constitución partiu, fundamentalmente, da Plataforma de Pensionistas de Compostela aínda que tamén outras entidades e asociacións amosaron xa o seu interese e a súa intención de participar. Todas elas poderán integrarse no momento no que consideren.

O texto regula a composición e funcionamento do Consello, entre outras cuestións, como por exemplo as súas funcións. Entre estas salientan a de promover, colaborar e asesorar na realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio e base para calquera proposta de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo entre as persoas maiores e prestar o apoio e a asistencia que lle fose requirida. Todas elas están dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a súa integración reale efectiva na sociedade de Santiago.