De Roncesvalles a Santiago de Compostela: un escultor en el Camino

Primeira incursión do artista Maxín Xulio Picallo no mundo da escrita
Cultura
Redacción
Imaxe do cartaz

O vindeiro sábado 23 de abril, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres do concello de Cuntis, presentarase a obra De Roncesvalles a Santiago de Compostela: un escultor en el Camino, obra do artista Maxín Xulio Picallo Durán, nado en Troáns (Cuntis). Ademais do propio autor, participan neste acto a filóloga Maka Arca Camba; o prologuista do libro, Xesús Antonio Gulías Lamas; o escultor Francisco Remiseiro (natural do concello de Barro e con esculturas tamén distribuídas por moitos recunchos do mundo); o escritor e xornalista Fernando Salgado; e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos Velay.

Alumno outrora de Francisco Asorey e Xoán Piñeiro, esta é a primeira incursión do autor no mundo da escrita, pois Maxín ten dedicado a súa vida ás artes plásticas, acadando unha sobresaliente reputación. Velaí que as súas pezas escultóricas se distribúan non só por Galicia (A Estrada, A Guarda, Baiona, Cuntis, Forcarei, Lugo, Meira, Nigrán, O Rosal, Oia, Porriño, Tomiño, Tui...), senón tamén por Andalucía, o País Valencià, Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Estados Unidos, Puerto Rico, Suíza...

Na actualidade, Maxín Picallo, asentado dende hai cincuenta anos no concello de Tomiño, compatibiliza a súa vocación artística –no fantástico labor de labrar a pedra– coa modelaxe de textos que recollen inquedanzas vitais, aspectos da súa vida, reflexións, análises artísticas... E neste senso enmárcase o libro que se presentará o vindeiro sábado, pois non deixa de ser un lenzo no que o artista deita as súas reflexións á hora de facer o Camiño de Santiago. A luz, a conversa, as arquitecturas que se abren na paisaxe, os espazos naturais agasallados cando un se entrega á observación, a soidade e a compaña, son aspectos que a visión analítica do escultor intenta cicelar coa plasticidade da palabra.