De Santiago ao ceo: lanzan mini-satélites reais desde un dron
Máis de medio cento de estudantes de nove institutos galegos participaron onte na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que onte se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas.
A inauguración da xornada contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que agradeceu o esforzo de todos os participantes, desde alumnado ata profesorado, “por formar parte unha vez máis deste desafío no que Galicia demostra o interese e as posibilidades da formación en tecnoloxía para as novas xeracións”. Por iso, animou aos participantes a “inspirar a outros moitos compañeiros e centros educativos a achegar a importancia da ciencia como valor educativo e cultural”.
Os alumnos participantes foron os equipos Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do Eusebio da Garda, na Coruña; Le Sat, do IES A Xunqueira I de Pontevedra; PonteSat do Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo; SaviSAT do CPI Dr. López Suárez de O Saviñao; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR Las Acacias, en Vigo e Ortisats, do IES Ortigueira.
O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Durante a xornada de onte presentaron os seus proxectos e lanzaron desde un dron os CanSat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.
Todo o proceso de lanzamento foi gravado e documentado e formará parte dun completo vídeo que poderá visualizarse na vindeira sesión do día 2 de xuño, cando se dará conta do proxecto elixido. A gravación é necesaria para verificar que todos os Cansats participantes descenderon controladamente e tomaron terra con seguridade. Foron xa recuperados para ser entregados de xeito inmediato aos equipos participantes.
FASE NACIONAL. O resultado dos proxectos será avaliado os vindeiros días e o elixido –que representará a Galicia na fase nacional– darase a coñecer na xornada o 2 de xuño. O gañador a nivel nacional poderá participar na competición internacional CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) a nivel europeo, esta vez de xeito virtual en setembro.
A edición 2021 de CanSat organízase este ano por segunda vez baixo o impulso da Consellería de Educación –coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación de Santiago– e a Vicepresidencia 2ª e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación.