Denuncian a existencia de listas de espera “dramáticas” no CHUS

O PSOE pide á Xunta medidas para paliar a situación, e apunta a que é o peor panorama entre os hospitais galegos // Os datos que da o centro non coinciden
T. Domínguez
Consultas externas do CHUS, cunha media de 31,3 días de agarda, segúndo o PSdeG. Foto: Antonio Hernández

Máis de sete mil persoas en agarda por unha operación, listados por riba da media en Neurocirurxía e Xinecoloxía e cifras en constante aumento con respecto a dous anos atrás. Ese é o panorama que debulla o grupo parlamentario socialista sobre un dos principais hospitais de Galicia e centro de referencia en Santiago, o CHUS. Os encargados de poñer voz a todas as reivindicacións foron a deputada compostelá do PSdeG, Noa Díaz; e o voceiro socialista de Sanidade, Julio Torrado. Ambos se desprazaron onte ás portas do Hospital Clínico e anunciaron unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta que elabore, antes de que remate o ano, un plan para dar unha solución.

Na súa intervención, os representantes socialistas ofreceron os datos das listas de agarda na área sanitaria e denunciaron ademais que estes datos son na realidade superiores. Así, segundo os números oficiais proporcionados polo Sergas para este 2021, o tempo de agarda para cirurxía é de 71,9 días, que o PSOE considera demasiado elevado e superior á media galega. Na actualidade hai 7.200 persoas agardando por unha operación. “Á súa vez, Barbanza móstrase como o hospital comarcal de toda Galicia que ten os peores datos en cirurxía, cunha espera de 59,4 días”, denuncia o grupo socialista, que fala en xeral de datos peores no CHUS que no resto de Galicia en varias especialidades. A agarda para cirurxía en Neurocirurxía é de 132 días, e a segunda máis alta en Xinecoloxía, 52,8 días. As persoas pendentes dunha cirurxía pediátrica terán que agardar no CHUS unha media de 86,7 días, e dunha cardíaca 89,9 días. Nas consultas externas hai na actualidade unha media de 31,3 días, con esperas de 7,9 días en Obstetricia; 31,4 días en Pediatría; ou 12,5 en Radioterapia.

Para as probas diagnósticas, a media é de 31,4 días para a realización dunha radioloxía mamaria; 72,7 días para un TAC; 51,1 para unha resonancia magnética; 31,8 para unha ecografía mamaria ou 31,5 días para unha eco de cardioloxía.

Noa Díaz expresou a súa “fonda preocupación” pola deficiente xestión dun complexo hospitalario que, “no canto de ser referencia en Galicia, se sitúa á cola con respecto a outros no que se refire ás listas de agarda”. “Esa xestión deficiente e a falla inexplicable de recursos”, alerta a deputada socialista, “están poñendo o CHUS e a área sanitaria de Santiago e Barbanza nunha situación agónica á que, de non poñerlle solución inmediata, terá moi complexa resolución e que sitúan ao CHUS nun lugar dramático”, explica. Díaz recalca que son case 32.000 persoas as que se atopan nesas listas, o que supón un 20 % máis que o ano pasado. Tamén puxo de relevo que hai pacientes que teñen que agardar máis de catro meses e medio para unha proba.

Neste contexto, Noa Díaz lembrou que “o presidente da Xunta paseou por este centro para sacar peito acerca dos investimentos en equipamento”. “Nós o que dicimos”, recalcou, “é que o mellor equipamento dos hospitais é sempre o persoal e que o que ten que facer é dotar de máis recursos humanos aos centros para que haxa alguén que poida manexar esa nova tecnoloxía e rematar dunha vez por todas con esa agonía que teñen que padecer miles de cidadáns e cidadás da área sanitaria de Compostela”.