Devorados pola Ribeira Sacra

Firmas
Manolo Fraga Carou

A Ribeira Sacra é un nome tan evocador como o territorio e a xente que viven nela. Pola parte luguesa pasa o Camiño de Inverno, logo de cruzar a ourensá Valdeorras e o Bierzo. Os inefables canóns do Sil e o Miño, a frescura do Lor, os ceos enramados, as sendas ascendentes, os asubíos dos paxaros, as viñas en espaleira, as covas e as adegas, as pedras e as campás, as feiras e as festas, a xente do campo e a veciñanza urbana, os encoros e a vía do tren... E as xacias, esas fermosas sereas protagonistas de contos e lendas. Fantasía é tamén camiñar por estas terras, sentir que estamos en Galicia, lonxe do mar, na profundidade interior, tan recóndita como telúrica.

As sombras protectoras ao saírmonos de A Pobra do Brollón animan a coller o camiño con ansia. Hoxe coma onte roldaremos os 38 graos, pero Monforte queda só a uns doce km. O medo á calor fai que o grupo non se desvíe ao castro de San Lourenzo, un poboado mineiro da época romana, segundo di o seu documentado sitio en Internet, que tamén paga a pena visitar. Andamos pola parroquia de Cereixa e facemos unha foto arrodeando o cruceiro que hai na aldea. Os paisanos miran con curiosidade o paso dos quince peregrinos enmascarados e dan os bos días cun sorriso hospitalario. O millo vai alto, o millo vai baixo, segundo observa Agustín, o noso botánico de cabeceira, a medida que avanzamos cara a Reigada, o último sitio habitado antes de chegar á capital de Lemos. Logo de pasar unha longa lameira, que pon a proba os meus tenis brancos, descubrimos unha ampla braña á dereita, onde ducias de cegoñas se dan o banquete. Nunca viramos tantas xuntas.

San Vicente do Pino, complexo monumental e defensivo tres en un (torre, mosteiro e palacio), xa anuncia a vila estendida aos seus pés, en cuxa entrada hai un anacrónico paso a nivel ferroviario. Na Casa da Cultura queda a exposición de fotos sobre esta ruta de Ponferrada a Compostela que con tanto amor e compromiso produciu José Manuel Ortigueira Bobillo, camiñante incansable, demorado retratista e soñador impertérrito. Son 47 imaxes expresivas, únicas e artísticas que che cautivarán igual que estas terras e estes camiños a Santiago. A mostra, que permanecerá na vila dos Escolapios ata finais de agosto, está promovida pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e a colaboración de OCA Hotels. O poeta monfortino Lois Pereiro, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2011, escribiu versos tan acaídos para esta ocasión como “Déixate devorar por quen te escolla / agora que es unha luz evadida / da escuridade que te tiña capturado”. Eu xa estou devorado pola luz da Ribeira Sacra.