Doctor Páramo: “Están a aparecer novos casos de ansiedade pola pandemia”

Corrobora un incremento de problemas de saúde mental e indica que os tratamentos termais son unha terapia moi eficaz
Redacción ECG
O doutor Páramo pon de relevo que a cura balnearia úsase para tratar episodios de estrés

A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo A saúde é o que importa. Esta iniciativa, que se poñía en marcha no ano 2019, está destinada a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual da cura termal. Onte, de xeito online, celebrouse a segunda sesión deste ano. Durante a charla, o doutor Mario Páramo, xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Clínico de Santiago, abordou as indicacións da cura balnearia para o tratamento dos problemas psicosomáticos xurdidos con motivo da pandemia.

A pandemia causada pola COVID-19 está a ter unha serie de efectos psicolóxicos negativos entre boa parte da poboación, en especial ansiedade, depresión, medo e estrés. Así o corrobora o doutor Páramo, quen asegura que se está a producir un incremento dos problemas de saúde mental como consecuencia da pandemia. Nesta liña, destaca o caso particular da ansiedade e os problemas psicosomáticos, é dicir, as manifestacións físicas que se lle poden presentar a unha persoa debido a un determinado problema psicolóxico.

O doutor apunta que “están a aparecer, asociados á pandemia, novos casos de persoas con síntomas de ansiedade e preocupación que non presentaban problemas psicolóxicos previos e, ao mesmo tempo, os pacientes con trastorno depresivo ou ansioso previo ven agora agravados os síntomas e a súa situación en xeral”.

Páramo pon de relevo que a cura balnearia úsase dende sempre para tratar episodios de estrés, tanto como doenza como enfermidade de resposta a unha situación particular ou a un estilo de vida. “Sempre se empregou como un dos grandes remedios nestes casos. Nas situacións máis acentuadas de estrés, poden xurdir problemas psicosomáticos de tipo gástrico, cardíaco..., de xeito que é fundamental a relaxación e o tempo que se lle dedica ao coidado e á recuperación dun mesmo, o que fai que os balnearios sexan unha boa terapia curativa. É moi recomendable para todas as persoas que necesiten relaxarse debido a unha situación de estrés ou a un estilo de vida que demanda moita máis atención da que podemos ofrecer”, asegura. E insiste en que os problemas psicosomáticos poden derivar en estrés crónico e, polo tanto, en serios problemas de saúde.

En relación ao tipo de tratamentos termais máis indicados para abordar problemas psicosomáticos e a ansiedade, fai referencia ao Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, unha publicación da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que reúne as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos. Nesta liña, o este especialista destaca en particular que as augas deben estar sempre quentes, xa sexa en baños con burbullas, duchas, piscina colectiva ou a través de masaxes; con especial indicación das augas carbonatadas e sulfuradas.

O doutor explica que “para abordar problemas de ansiedade ou depresión leve non se empeza pautando tratamentos farmacolóxicos, só de xeito puntual. En xeral, o tratamento de inicio é de tipo psicoterapéutico e a hidroloxía preséntase como unha terapia ideal nestes casos”. “Como hixiene de vida e como prevención para calquera problema psicosomático e de ansiedade, os tratamentos termais, cuxa eficacia está probada pola ciencia, deberían formar parte da nosa vida”, incide o xefe do Servizo de Psiquiatría do CHUS.