A película ‘Capharnaüm’, nominada no seu día aos Óscar e aos Globos de Ouro, foi a encargada de estrear o certame de cine da Fundación // O eixo das proxeccións é a capacidade de adaptarse positivamente á situacións adversas TEXTO Francisco Cernadas

Emoción no Araguaney pola resilencia dun neno de Beirut

Cine
Francisco Cernadas
CREACIÓNS. Con entrada de balde, proxéctanse no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney de Santiago. Foto: ECG

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas abriu este pasado luns en Santiago o seu ciclo Cinema e Resilencia coa película Capharnaüm, do 2018, da actriz e directora libanesa Nadine Labaki. Estreouse deste modo un certame que serve como preámbulo da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2021 e no que se proxectarán un total de catro longametraxes nas que o eixo central das mesmas é a capacidade que teñen os seres humanos para adaptarse positivamente a situacións moi adversas.

Esta cita, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, estreouse no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney da capital galega cunha película que foi nomeada no seu día aos Óscar e aos Globos de Ouro e que recibiu tamén o premio do xurado no Festival de Cannes. Esta creación conta a historia dun neno de doce anos intelixente e valente, que sobrevive aos perigos das rúas da cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais, e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo ‘crime’ de darlle a vida. Precisamente, a resilencia do cativo Zain El Hajj para loitar contra todo e contra todos emocionou ao público asistente.

Tralo éxito desta inauguración, o evento continuará o vindeiro luns 4 de outubro coa obra La noche de 12 años, do produtor e guionista de orixe uruguaia Álvaro Brechner, a cal foi seleccionada na 75º edición do Festival Internacional de Cinema de Venecia e recibiu o Premio Goya ao mellor guión adaptado no 2019. A mesma traslada ao espectador ao Uruguai de 1973, baixo o poder da ditadura militar, coa vida de nove presos illados durante doce anos, entre eles, o expresidente Pepe Mujica.

Posteriormente, o mércores 13 (o cambio de data débese á festividade da Hispanidade) será a quenda do director e guionista belga Philippe Van Leeuw con Alma Mater, sobre unha heroína que converteu o seu apartamento nun porto seguro para a súa familia e veciños, tratando de protexelos da guerra. Esta foi galardoada polo público tanto no Festival de Berlín coma no Festival de Sevilla, neste último caso como mellor película.

Por último, o ciclo pecharase o luns 18 co documental Gaza Surf Club, do director alemán Philip Gnadt e do produtor, director e escritor exipcio Mickey Yamine. Esta reportaxe audiovisual narra a vida dun grupo de mozos e mozas atrapados na prisión ao aire libre máis grande do mundo, Gaza, que se lanza ás praias.

Todas as proxeccións do certame, que serve como previa á Semana de Cine Euroárabe, do que proximamente se dará a coñecer a programación, pódense ver de maneira gratuíta ata completar aforo.

PROTOCOLO ESTRITO. Dada a situación actual marcada pola pandemia, co fin de garantir a seguridade dos espectadores, o ente organizador estableceu un estrito protocolo con medidas de hixiene, protección e capacidade á sala baixo o lema #culturasegura. Por este motivo, recomendan asistir con antelación e ademais é obrigatorio o uso de máscara e xel hidroalcohólico, manter a distancia de seguridade, usar o asento asignado e evitar as aglomeracións na entrada e saída do recinto.

Para acceder a reserva previa de invitacións, o ente informa que resulta indispensable enviar un correo electrónico ao mail inscripciones@araguaney.com indicando nome e teléfono de contacto, cun máximo de dous pases por persoa. Cada unha das autorizacións para o acceso ás sesións abrirase a semana anterior á proxección e finalizará ás 15.00 horas do propio día.