Espectáculo para persoas con diversidade funcional

O Salón Teatro acollerá hoxe a representación de ‘O charco de Ulises’ // Desenvolverase nun ambiente máis relaxado na sala
Carla Noya
Un momento da representación da obra. Foto: CDG

O Salón Teatro retoma hoxe O charco de Ulises, espectáculo de produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta, que ofrecerá ata este domingo sete novas representacións da montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, algunhas delas especialmente dirixidas a persoas con diversidade funcional, como a denominada descontraída de hoxe mércores, ás 20.00 h., ou a inclusiva programada para o día 24, ás 17.30 horas.

O CDG reforza deste xeito o seu papel como teatro público facilitándolles o acceso aos seus espectáculos a colectivos ou persoas que precisan de tratamentos e atencións especiais para gozar do teatro.

Así, a denominada función descontraída desenvolverase nun ambiente máis relaxado do habitual, con media luz de sala, reforzo no persoal de acomodación e maior permisividade respecto a ruídos ou movementos de entrada e saída, de xeito que se cree unha atmosfera acolledora na que se sintan cómodas persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

Tendo en conta que todos os horarios poderán ser modificados segundo as restricións por motivos sanitarios vixentes en cada momento, para mañá está programado un novo pase de O charco de Ulises ás 20.00 h.; o venres 22 e o sábado 23 levaranse a cabo dúas novas representacións cada un dos días (ás 17.00 e ás 20.00 h.), en tanto que o domingo terá lugar unha función inclusiva, preparada en colaboración coa asociación FADEMGA-Plena Inclusión, que será apoiada por lingua de signos e por un programa de lectura fácil.

Este domingo inaugurarase ademais o servizo de streaming do CDG, xa que ás 18.00 horas activarase a ligazón para acceder á gravación do espectáculo e ao coloquio posterior (19,40 h.), que será transmitido en directo. Ademais dos membros do equipo de O charco de Ulises, sumaranse a este encontro Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, e Fran Núñez, director do CDG, no marco da liña de colaboración emprendida entre os dous departamentos para difundir o teatro feito en Galicia nas comunidades galegas do exterior.

ELENCO. Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.

As entradas para asistir ao espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova compostelá.