“Estamos aquí para axudar en todo o que precisen os pacientes e as súas familias”

Brais Fernández
Francisco Pais, no seu nomeamento como presidente. Foto: A.Hernández

A Asociación Española contra o Cancro -AECC- realiza un labor permanente para educar en saúde, apoiar e acompañar ás persoas que padecen cancro e ás súas familias, así como financiar proxectos de investigación que permitan un mellor diagnóstico e tratamento. Organizada en delegacións territoriais, Francisco Pais dirixe a de Santiago dende o ano pasado, achegando a súa colaboración e coñecemento da enfermidade.

Como se organizan dentro da Asociación?

Somos unha asociación nacional, con delegacións territoriais en cada provincia. Despois, segundo o tamaño da mesma, créanse xuntas locais, co obxectivo de que calquera persoa poida atopar o noso apoio e colaboración a poucos minutos da súa casa. Así, en A Coruña, contamos con tres sedes con infraestrutura e persoal propios: Santiago, A Coruña e Ferrol. Aquí estamos agora na Avenida de Barcelona, cun local moi luminoso e a escasos metros do Hospital Clínico, o que nos permite unha maior visibilidade e un acceso moito máis sinxelo.

Cantos profesionais teñen na xunta local de Santiago?

Son tres psicólogos, unha logopeda e un administrativo. Todos eles desenvolven a súa actuación ben no propio hospital, na propia sede ou noutras áreas da provincia ás que se achegan porque non teñen sede. Por iso, as instalacións melloráronse moito a todos os niveis.

A quen prestan os seus servizos?

A atención dáselle a enfermos e a familiares dos pacientes. Non é necesario ser socio para recibir os servizos e estes inclúen o tratamento tralo diagnóstico, ao longo da enfermidade e tamén de duelo.

Ademais, unha das psicólogas está especializada na psicoloxía infantil, mentres que a logopeda está centradas nos cancros de cabeza e pescozo, con resultados moi bos cando a detección é precoz. E despois, dependendo das necesidades dos pacientes, desenvólvense unha serie de actividades.

E para axuda a nivel social, para aquelas persoas que como consecuencia da enfermidade teñen problemas laborais ou sociais polo diagnóstico, contamos cun traballador social en A Coruña, que os asesora neste senso.

Como lles afectou a covid-19 para levar a cabo a súa acción?

Dende o confinamento, para a maioría das consultas psicolóxicas activouse un programa para facelas virtuais. Foi todo un éxito e, de feito, a pesar de que a nova sede nos permite manter as distancias de seguridade, moitas persoas seguen preferindo realizar as consultas por vía online, e non en persoa.

Que tipo de actividades desenvolven dende a organización?

Por mor da covid-19 tivemos que suspender algunhas delas, pero hai clases de ioga, sendeirismo, clubs de lectura, cursos de maquillaxe ou hortas urbanas. Ademais, calquera iniciativa que poida ser favorable, estamos encantados de recibila.

Por outra banda, facemos tamén préstamos de perrucas, xa que hai moita xente que as precisa e non se pode permitir ter unha.

E tamén contan cunha importante aposta pola investigación.

Efectivamente. Unha parte importante dos recursos, que non se dedica a cursos ou gastos xerais, vai destinada á investigación. Hai unha Fundación e tamén concedemos becas, de forma periódica, para determinadas actuacións relacionadas co cancro. Por exemplo, agora contamos con moitas relacionadas coa metástase e cremos que é moi importante. A maiores, tamén levamos a cabo unha difusión de cribados do cancro de colon, cunha análise a partir das feces.

Con toda a súa actividade, a cantas persoas chegan?

Na provincia da Coruña, aproximadamente, somos uns 10.000 socios e uns 1.000 voluntarios. Eses son os datos da xente que está asociada, porque despois hai moita outra á que chegamos pero que non é socia. Por iso, queremos resaltar que calquera persoa que teña un cancro, así como as súas familias, saiban que estamos aquí e que podemos axudar en todo o que precisen. Así, dámoslle moita importancia ás xuntas locais, porque son as que trasladan os nosos servizos á xente que está enferma.

Cales son as formas coas que a xente pode colaborar coa AECC?

A xente pode facerse socia, por unha cantidade mensual que eles determinen; poden realizar doazóns de artigos que poidamos utilizar, como as propias perrucas ou calquera material que pode utilizar un paciente e que pode ser reciclado, así como herdanzas de bens; e tamén se pode colaborar como voluntario.

Como voluntarios temos a moita xente apuntada e hai de moitos tipos. Hai testemuñas, que son persoas operadas de cancro de cabeza e pescozo e que van falar cos pacientes recentemente diagnosticados. O “Carrito don Amable”, onde van polos hospitais de día de oncoloxía e hematoloxía ofrecendo un café aos familiares e dan a coñecer o labor da asociación. E despois, tamén se pode colaborar, por exemplo vendendo a lotaría de Nadal.

Ademais da lotaría, teñen á venda algún produto?

Si. Para recadar fondos, véndese todo tipo de merchandising. Agora, por exemplo, véndense máscaras, portamáscaras, pulseiras... De feito, moita xente colabora con nós, mercando pulseiras da AECC como agasallo para as súas vodas.

Por último, que mensaxe lle trasladaría aos pacientes de cancro?

Anímoos a loitar, porque no diagnóstico é moi difícil asumir determinadas cousas e hai que pasar as diferentes etapas dun duelo. Pero a medida que van pasando, hai que ser positivo porque cada vez hai máis xente que o supera, que ten un tratamento continuado e que tamén se está investigando moito, polo que todo o que vai saíndo vai en beneficio dos pacientes.