Feijóo solicita ao Goberno que amplíe os incentivos fiscais para o Xacobeo

Reuníuse coas empresas patrocinadoras, e afirmou que este Ano Santo será “o mellor da humanidade” porque traerá consigo a superación da pandemia
Xacobeo
Redacción ECG
O presidente Feijóo, na primeira fila 2.º pola esq.; acompañado do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, 1.º esq; o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, 2.º drta.; e a responsable de Turismo, Nava Castro; durante o acto do Gaiás no que agradeceron o apoio da rede de empresas patrocinadoras deste Xacobeo, prorrogado ata 2022 pola pandemia sanitaria

“Grazas por materializar o voso apoio inequívoco a un evento fundamental para Galicia, para España, para a nosa cultura occidental e para todo o mundo”. Así agradeceu este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na Cidade da Cultura, o apoio das empresas patrocinadoras do Xacobeo. Recoñeceu o compromiso das máis de vinte empresas que, ata o momento, respaldan o Xacobeo prorrogado ata 2022; e instou ao Goberno central a ampliar ata 2023 os incentivos fiscais de todas elas, ademais da concreción dos investimentos para esta celebración.

Durante o acto de presentación, o responsable do Executivo galego incidiu na oportunidade que supón esta celebración como motor de reactivación económica e social. “Estamos a falar dun evento de país, que require de todos e que ten unha marca: a marca Galicia”, abundou, garantindo o compromiso da Xunta para seguir traballando na celebración dun evento único, “tanto polas circunstancias como pola posibilidade de crear novas experiencias”.

Nesta liña, resaltou a rehabilitación da Catedral de Santiago como unha das maiores actuacións do patrimonio mundial nos últimos anos; e á reformulación do plan estratéxico do Xacobeo, baseado en dúas vertentes: unha dirixida a adaptar o evento ás necesidades da pandemia; e outra dirixida á segunda parte do Ano Santo, que empezará no último trimestre do 2021, e que comprenderá todo o ano 2022. Así mesmo, recordou que, só para este ano, a Xunta investirá 85,5 millóns destinados a programar actividades con seguridade e á promoción; así como a preparar as infraestruturas e as paisaxes do Camiño.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia e o Xacobeo son dúas dimensións inseparables que se conectan e se explican mutuamente. “Ao longo da súa historia o feito xacobeo coñeceu guerras e epidemias, pero segue e seguirá como un fenómeno de concordia e confluencia de culturas que desemboca no mesmo lugar: en Galicia; e, desde Galicia, proxéctase para todo o mundo”. Mostrouse convencido de que, a pesar das dificultades da pandemia, o Ano Santo 2021-2022 será “o mellor Xacobeo da historia”. De feito, foi un paso máis aló e proclamou que será “o mellor Xacobeo da humanidade”, xa que implicará tamén “celebrar o vencimento do virus que tentou arrasar vidas, familias e facendas”.

BONO TURÍSTICO. Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o compromiso de todos os representantes das empresas que apostan polo Xacobeo, aos que considerou “como os primeiros peregrinos deste Xacobeo 21-22”. Destacou que cando a situación sanitaria o permita, e se recupere a mobilidade, Galicia estará preparada para acoller aos peregrinos e turistas. En canto ao apoio destinado á reactivación do sector turístico, manifestou a súa satisfacción polo éxito do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia, o cal esgotou en só 12 horas as tarxetas dispoñibles. Alfonso Rueda tamén incidiu en que o Goberno galego leva tempo traballando para ter todo preparado para este Xacobeo, e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino seguro como Galicia, e cun Camiño Seguro.

Así, puxéronse en marcha tódolos protocolos de prevención ante a COVID-19 nos albergues, ademais de crear novas instalacións e mellorar as existentes, así como o acondicionamento das distintas rutas. Tamén se porá en marcha o seguro coronavirus, para garantir a tranquilidade dos viaxeiros ante casos de infección por COVID-19 ou polas debidas corentenas.