Fernández Alborés: “A unión sempre nos fai máis fortes e axuda a mellorar os servizos”

A Asociación Área Empresarial do Tambre animou ás empresas da Sionlla a “ir por diante” para crear emprego, riqueza e progreso
Daniel Seijas
O Biopolo da Sionlla protagonizou a portada da última revista bienal, lanzada pola asociación. Foto: AAET

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acaba de editar un novo número da súa revista bienal, con contido sobre as principais actividades e eixos de acción nos que está a traballar. En 72 páxinas a toda cor, a revista recolle diversas reportaxes informativas, documentadas con material fotográfico. Inclúe a reportaxe central sobre o polo biotecnolóxico, que tamén da título á propia portada da revista, “O futuro pasa polo Biopolo Sionlla”; reportaxes sobre a historia da Asociación, a festa do asociado do 2022, as exposicións artísticas mensuais no centro empresarial; e noticias de interese das actividades do colectivo empresarial, como o traballo no proxecto europeo Spin Up, o Programa Integrado de Emprego e a futura área de servizos do polígono.

Ao mesmo tempo, a publicación ten o seu espazo de sinaturas de opinións expertas e contrastadas dos principais entes políticos, empresariais e académicos de Compostela, como a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e o reitor da USC, Antonio López. Tamén na publicación figuran artigos de opinión da directora técnica de GEM-Galicia, Isabel Neira; o empresario de hostalería e directivo da asociación empresarial do Tambre, Xavier Freire; e un artigo reportaxeado sobre o Camiño Inglés do cóengo arquiveiro da Catedral de Santiago, Francisco Buide del Real. Ademais, a revista está orientada a aportar proxección e visibilidade a área empresarial e, en particular, ás empresas asociadas. Todos estes contidos están engalanados cunha acuarela nas páxinas interiores do empresario xubilado e ex concelleiro compostelán Xosé Baqueiro.

A revista preséntase cun editorial do presidente da Asociación, José Fernández Alborés, titulado O noso horizonte. Neste texto, o presidente analiza a situación actual do eido empresarial, afectada polo contexto internacional, ben sexa a invasión de Ucraína e a suba dos prezos enerxético ou a inflación. Con este panorama, o presidente animou aos empresarios a “estar alerta e ir por diante todo o que poidamos” para seguir creando emprego, riqueza e progreso.

Tal e coma sinalou “a unión sempre nos fai máis fortes, contribuíndo a mellorar a nosa contorna e abordar con éxito servizos comúns”, e así o demostrou a propia Asociación en decembro, nun acto na súa sede social onde se distinguiu a firmas que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas. Pero a unidade de acción tamén se demostrou no Biopolo Sionlla, onde segundo lembrou Alborés a Asociación foi ambicioso e liderou o proxecto. “Tivemos a colaboración imprescindible da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, así como da nosa Universidade e a Cámara de Comercio, logrando a fortaleza necesaria para que o proxecto sexa unha realidade”, manifestou.