Flores ou oracións

Firmas
José Fernández Lago

CANDO EU ERA UN NENO, acollendo os consellos dos meus pais, ía ás seis da mañá á Igrexa o día dous de novembro. Ao celebrar a Conmemoración dos Fieis Defuntos, quería pedirlle a Deus polos nosos mortos. O párroco de Carril, coma os outros cregos, celebraba ese día tres Misas seguidas, con tres rituais distintos, aínda que, por estar en latín, eu non entendía ren. Mesmo así, cando non tiña feito a Primeira Comuñón, quería agradecerlle aos antepasados o que eles fixeran por meus pais e por min, aínda que non chegaran a coñecerme.

Lémbrome de ter oído na casa o que escribira San Agostiño: “Unha bágoa evapórase; unha flor, murcha; pero unha oración recóllea o Señor”. Tamén dicían meus pais, como algo saído do seu corazón, que tiñamos que pedirlle a Deus a felicidade eterna para os familiares ou benfeitores defuntos.

Na nosa sociedade actual a xente adoita levar flores aos camposantos, para llas poñer aos seus familiares. Mesmo así, nestes tempos do coronavirus, moitos de nos deixamos de visitar as sepulturas dos nosos benqueridos mortos. Din os xornais que este ano víanse moitas flores, poucos familiares dos alí sepultados, e moita presencia de traballadores do camposanto.

O levarlles flores aos mortos, ou encargar que llas poñan, non está mal, para lles dicir aos coñecidos que lles ofrecen aos da propia familia unha expresión de amor. Sen embargo eu coido que, mais que manifestarlles aos que viven o que sentimos polos mortos, interesa axudar a estes no que poidamos.

Na antigüidade poñíanlles aos defuntos víveres e armas, para que lles foran de utilidade no mais aló. Agora, mais que o quedar ben diante dos outros, non cumpriría pedirlle a Deus por eles? A xente de fe adoita encargar algunha Misa ou polo menos asistir a ela, ou mesmo rezar na casa, para rogarlle a Deus polos defuntos. Isto, aínda que Deus sexa compasivo e misericordioso, podería significar unha axuda útil dos que vivimos nesta terra, para o defunto, que terá que dar contas da súa vida a Deus, noso Señor.

Di a Sagrada Escritura que é cousa boa e agradable aos ollos de Deus o rezar polos defuntos, de xeito que queden liberados das súas culpas. Ven sendo o que intentamos plasmar nas propias sepulturas: Repouse en paz. Que Deus os acolla e que os encha de ledicia e de amor.