A estratexia dixital da Cidade da Cultura permite seguir conectando co público cumprindo con todas as restricións sanitarias // A programación de outono inclúe eventos en liña como a Maker Faire Galicia ou a combinación do formato presencial e virtual en concertos e visitas comentadas ás exposicións TEXTO M. F.

Gaiás, cultura e tecnoloxía contra a covid-19

Cidade da Cultura
Martin Fernández
A ampla programación do Gaiás inclúe visitas didácticas en liña. Fotos: CdC

Videoconferencias para achegar as exposicións a todos os centros escolares, tecnoloxía a base de sensores que non precisan ser tocados para reforzar a seguridade no Museo, concertos retransmitidos en streaming, visitas temáticas emitidas en vídeo, posibilidade de alugar espazos a distancia, congresos e feiras cen por cento virtuais... A Cidade da Cultura está a desenvolver unha ambiciosa estratexia dixital para seguir conectada co seu público e manter o seu nivel de actividade malia o novo escenario marcado pola pandemia.

Así, o Gaiás está a reforzar as súas capacidades tecnolóxicas e a reinventar a súa programación para continuar a ofrecer unha ampla e diversa programación cultural de calidade, en condicións de absoluta tranquilidade e seguridade para público e artistas participantes.

Máis alá da lóxica adaptación da capacidade dos espazos, e do establecemento de novas medidas de protección e hixiene para cumprir con todos os protocolos sanitarios, a Cidade da Cultura está a desenvolver unha ampla estratexia dixital, aliándose coas novas tecnoloxías para achegar a súa programación a públicos amplos baixo a máxima da cultura segura.

Videoconferencia. Este outono, o Museo Centro Gaiás puxo en marcha un programa pioneiro en Galicia de visitas didácticas en liña co que levar as súas exposicións aos centros de ensino, a través de videoconferencia e da man do seu equipo de guías. Co obxectivo de ofrecer unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas medidas de contención da pandemia, o programa tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós. O programa estase a desenvolver ata o vindeiro mes de xaneiro e a través del achegaranse a esta exposición preto de 3.000 alumnos de secundaria.

Tamén as tradicionais visitas temáticas ás exposicións, conducidas en sala por expertos, veñen de dar o salto dixital co programa Arredor de Nós. O ciclo programa cinco visitas a Galicia, de Nós a nós, centradas en temas como o deseño da revista, as viaxes e conexións internacionais dos seus promotores ou o devir do proxecto trala desaparición da cabeceira, que están a ser gravadas e retransmitidas a través de Youtube.

Un ambicioso programa de visitas comentadas en sala, en formato exprés e para grupos moi reducidos (máximo catro persoas ademais do guía no momento actual), completan a oferta do Museo para achegarse neste momento ás súas tres grandes exposicións que se poden visitar: Galicia de Nós a nós, As miradas de Isaac e Cinema e Emocións.

Marca galega. Todos os elementos interactivos da exposición Galicia, de Nós a nós empregan tecnoloxías sen contacto físico, a través de sensores de presenza e movemento. Recrear virtualmente o campamento romano de Aquis Querquennis, mergullarse nos temas, autores e conexións internacionais da revista, experimentar coa iconografía de Nós deseñada por Castelao ou viaxar ás cidades galegas do século XIX a través da cartografía da época son algunhas das experiencias que os visitantes poderán experimentar grazas ao traballo asinado pola startup galega Xoia Software Development.