exposicións. O artista nado en Forcarei trata a relación entre o ser humano e a contorna a través dunhas vintecinco obras // “O sensible e o creado fúndense gradualmente nesta mostra, desde o realismo ata a abstracción”, di TEXTO V.Álvarez

‘Homúnculo’, de José Iglesias, no Centro Empresarial do Tambre

Exposicións
V. Álvarez

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este mércores, 30 de novembro, a exposición de pintura Homúnculo do artista José Luis Iglesias Diz, ás 20.00 horas no Centro Empresarial do Tambre en Santiago. A mostra estará aberta ao público ata o 30 de decembro en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Recoméndase avisar da visita no teléfono 981 55 28 50.

José Luis Iglesias deseñou unha mostra composta por aproximadamente 25 pinturas realizadas con pintura acrílica e collage sobre cartón ou lenzo, en tamaños variables que van do formato mediano ao pequeno. A temática xira ao redor da relación profunda entre o humano e a súa contorna natural e o creado polo propio Iglesias Diz. “O sensible e o creado fúndense gradualmente nesta mostra, desde o realismo ata a abstracción. Sentimos, procesamos e expresamos. Así nace toda arte”, explica o artista. Segundo rememora Iglesias Diz, a principios do século XX un neurocirurxián e investigador inglés chamado Penfield descubriu a localización das neuronas responsables da mobilidade e sensibilidade do corpo humano, que corren paralelas a unha cisura do cerebro. Penfield concluíu que había algunhas partes do corpo que tiñan moitas máis neuronas que outras. Por exemplo, mentres que a lingua, os beizos, as mans ocupaban moito espazo, o tronco, as pernas ou o cranio ocupaban moi pouco espazo no cerebro.

“Ocorreúselle debuxar unha figura humana coas proporcións relacionadas co número de neuronas que tiña no cerebro e o resultado é un homúnculo, un ser humano cuns beizos e lingua enormes, mans xigantescas e cranio e corpo pequenos”, describe. Así, o artista argumenta que o homúnculo de Penfield tiña uns labios e unha lingua grandes, zonas de sentidos intensos e que modulan a linguaxe, e tamén mans grandes e un polgar xigantesco que implican a súa infinita precisión nas múltiples tarefas que o Sapiens se impón, incluída a arte.

Tamén Iglesias Diz subliña que con esta exposición quere mostrar que as persoas son seres sensibles e que fan cousas, que actúan, que a través da pel e as mucosas reciben as sensacións que as relacionan co mundo exterior, e a súa motricidade permítelles desenvolver actividades, desprazarse e mesmo inventar. “Todo o potencial do pensamento profundo –raciocinio, parlamento, interacción, linguaxe e comunicación, emotividade e empatía– son posibles a través da nosa sensibilidade epidérmica e mucosa e dos sentidos e de elo depende a nosa capacidade de realización de accións e fabricación de utensilios e a nosa capacidade para crear arte”, expón.

Así, o artista apunta que Homúnculo trata desa relación do ser humano coa contorna e a xeración da arte, xa que ao seu parecer o humano contempla o seu contorno e transfórmao, ocúpao, embeléceo e crea nel novos mundos. Así, o artista explica que nos seus cadros a paisaxe é transformada en cores e formas abstractas, modificando a visión que os sentidos ofrecen. “É aí, neses momentos de maxia, onde o ser humano compite co seu contorno a través da fusión da natureza e a experiencia”, manifesta.