Intervencións artísticas simultáneas na zona vella

El Correo Gallego
Héctor Pichel, un dos participantes na iniciativa. Foto: CdS

ILUSTRACIÓN. A iniciativa denominada MiiC na Rúa, unha actividade impulsada polo Concello dentro do marco da III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que ten lugar na Sede Afundación, desenvolveuse na xornada de onte na Rúa do Vilar. Abi Castillo, Agustina Shuan, Héctor Pichel, Iris Branco, Óscar Raña e Tayone foron os artistas encargados de intervir artisticamente seis escaparates da devandita zona do casco histórico. As intervencións tiveron carácter simultáneo, dende ás 16 ata as 21 horas. Establecementos como a emblemática Sombrerería Iglesias, a librería San Pablo ou a tenda de complementos Espadela foron algúns dos locais que formaron parte do proxecto. Na presentación a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, salientou a importancia desta iniciativa nun momento de incerteza como o actual, moi necesaria para “seguir dinamizando a cidade e seu comercio a través da cultura”. As intervencións poderanse ver ata o vindeiro 21 de decembro, e irán acompañadas dun código QR onde o viandante poderá acceder a toda a información da actividade e a unha ruta gps que localiza todos os establecementos da iniciativa. “Miic na Rúa busca dinamizar o espazo público que rodea á mostra, afirmou Matilde Rodríguez, comisaria da III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea. redac.