‘Inxección’ xacobea para relanzar con multitude de actos o mundo da cultura

Turismo de Galicia achegará máis de cinco millóns para contribuír á posta en marcha de actividades variadas durante o Ano Santo
GUSTAVO LÓPEZSantiago
IACOBUS MARIS. O Liceo Marítimo de Bouzas acolleu a firma do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Traslatio, organizadora da Ruta Iacobus Maris. A frota partirá en xullo de 2022 dende o porto de Jaffa (Israel) ata Bouzas, en Vigo, finalizando por terra ata Compostela. Mario Cardama, presidente da Fundación Traslatio, e Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo, firmaron onte o convenio. Foto: María Muiña

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o titular de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron onte un convenio para a promoción de eventos culturais neste Xacobeo 21-22, unha colaboración entre ambos departamentos que suporá reactivar a programación cultural deste Ano Santo baixo protocolos de seguridade.

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia achegará á área de Cultura 5,3 millóns de euros para contribuír á posta en marcha de parte das actividades culturais que se desenvolverán este Xacobeo. Será una programación variada, distribuída por todo o territorio, destinada a todo tipo de público que sumará unha vintena de proxectos de música, danza, artes escénicas, audiovisual ou exposicións, incluíndo concertos, festivais de música clásica ou verbenas, entre outros.

Nesta programación terán presenza proxectos xa coñecidos como Cultura no Camiño, Xacobeo Cidades ou Fest Galicia e impulsaranse novos programas e eventos dirixidos a fomentar os valores do Ano Santo, que se irán detallando nas vindeiras semanas. Toda a actividade desenvolverase baixo protocolos de seguridade que se están a ultimar coas autoridades sanitarias e o sector e que se presentarán nos vindeiros días.

Alfonso Rueda indicou que “para o Goberno galego manter e impulsar o sector cultural, ademais de representar un factor da nosa identidade, representa tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico que debemos seguir fortalecendo con ideas proactivas e garantindo sempre a máxima seguridade”.

Pola súa banda, Román Rodríguez afirmou que esta colaboración suporá un novo impulso para a oferta cultural deste Ano Santo que levará o espírito desta celebración a todo o territorio galego, desde as cidades e as vilas medias ás zonas do rural. “Galicia é un referente neste eido”, indicou.