Muíños reitera que Santiago “é unha cidade moi segura”

Na xuntanza avanzouse que nos vindeiros días intensificaranse os dispositivos de seguridade coa incorporación da Polícía Autonómica
Reunión
Roberto García
Muíños na reunión co intendente e o inspector da Policía Local; o inspector da Policía Nacional de Participación Cidadá e o seu comisario; e representantes da Asociación Raigame

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, reuniuse con representantes da Asociación Raigame, na que estaba o presidente de Máis Veciños, así como o intendente da Policía Local e o comisario da Policía Nacional en Santiago. Unha xuntanza extensa na que se lle transmitiu que Santiago é unha cidade segura na que existe un traballo “de xeito coordinado” por parte da Policía Local e da Policía Nacional. Así mesmo, durante a xuntanza afirmouse que nos vindeiros días vaise incorporar a Policía Autonómica, cunha intensificación dos dispositivos e operativos que leven a cabo as distintas forzas e corpos de seguridade do Estado.

Na reunión, na que tamén participaron, segundo explicou Muíños, o intendente da Policía Local, o inspector da Policía Local que cubre a quenda da noite, o inspector da Polícia Nacional de Participación Cidadá, e o comisario da Policía Nacional en Santiago; púxose de manifesto que nos vindeiros días xa se ía percibir o incremento deses operativos especiais entre as policías local, autonómica e nacional; nun labor “totalmente” coordinado, que, aclarou, “xa se viña facendo desde hai tempo”, tal e “como reflicten os datos” que se lle amosaron á asociación.

Gonzalo Muíños destacou que os dous sucesos acontecidos a pasada semana, que se saldaron cunha persoa falecida e cun menor ferido; son illados, e que non se pode “estigmatizar a ningún colectivo” porque, engadiu, “o que buscamos entre todos é que Santiago siga sendo esa cidade segura, onde se pode desfrutrar, se pode pasear” e acudir “tranquilamente” aos lugares de ocio.

Unha afirmación que tamén comparte o alcalde Xosé Sánchez Bugallo quen, a preguntas dos xornalistas, incidiu en que “todos os datos indican que Santiago é unha cidade moi segura”, cun índice de criminalidade de 4 casos por cada dez anos, “afortunadamente todos resoltos”, “cunha secuencia que se ven mantendo bastante estable nos últimos trinta anos”. O rexedor insistiu en que se trata de dous feitos circunstanciais que coincidiron nun espazo e nun tempo próximo que non están conectados entre si; nos que se deu unha resposta “inmediata e eficaz”. Indicou tamén que “imos implementar unha actuación, dentro dos límites que marca a lei”, de carácter preventivo “e o máis eficiente posible”.