Multitude de propostas no Open Day de Fairway

Rutas, música, escape rooms, talleres de ‘mindfulness’ e gastronomía protagonizarán o programa do domingo 7
Francisco Cernadas
Carolina Rubirosa. A artista galega presentará ‘O teu Camiñar’, estreando a canción oficial de promoción do Camiño Inglés. Foto: Fairway

Mentres se manteñen abertas as inscricións para todas as propostas que se desenvolverán no Palacio de Congreso, o IV Foro do Camiño de Santiago Fairway vai desvelando as actividades que se levarán a cabo do 7 ao 9 de novembro, todas ellas de balde, previa reserva na web do evento.

A última novidade é a programación do Open Day, do domingo 7, unha xornada na que abrirán as portas á cidadanía para que poidan descubrir todo tipo de destinos, empresas de servizos turísticos e outras propostas relacionadas co sector turístico.

O prato forte será o concerto de Xabier Díaz, que ofrecerá unha actuación en formato trío. A voz do músico coruñés complementarase cos acordes do acordeón de Roberto Grandal e a zanfona de Iván Costa. O seu concerto, que dará comezo ás 19.00 horas, servirá como broche de ouro.

Entre as propostas para todas as idades e gustos, destacará tamén a presentación de O teu camiñar, cun showcase a cargo da artista Carolina Rubirosa, unha das cantantes e compositoras de maior proxección de Galicia. Embaixadora da Ruta Xacobea, lanzará o videoclip que acompaña á canción oficial de promoción do Camiño Inglés, impulsado pola Deputación da Coruña.

Ademais, tamén haberá actuacións musicais, roteiros, propostas gastronómicas, diálogos ou actividades de lecer que centrarán a estrea da feira. Entre estas alternativas, ofrecerase un percorrido polo último tramo de distintos itinerarios a través da proposta I Camiño, que terá lugar entre as 09.30 e as 13.30 horas.

Dada a excelente resposta rexistrada na anterior edición, regresarán os Escape Rooms, que se desenvolverán nos sotos do Palacio de Congresos. En grupos máximos de oito persoas (10.30, 11.30, 12.30, 13.30, 16.30, 17.30 e 18.30), terán que descubrir todos os segredos que esconden as antigas pertenzas dun misterioso peregrino.

E para aquelas persoas que prefiran relaxarse, terán lugar ata tres sesións de Mindfulness. Os amantes da gastronomía do Camiño tamén terán un espazo ideal dentro do Open Day, cunha deliciosa selección de tapas de distintos territorios.

Por outra banda, o luns e martes desenvolveranse propostas para profesionais deste mundo, con máis dunha ducia de mesas de debate, coloquios e talleres con máis de cincuenta expertos en diferentes campos.