Nace ‘Es ti que cantas’, unha iniciativa que achega a figura de Rosalía

O proxecto preséntase hoxe ás 12.00 no Instituto da Lingua Galega // Ten como base os audiolibros
Redacción ECG

Santiago. Es ti que cantas, un proxecto asentado nos audiolibros da obra en galego de Rosalía de Castro que integra tamén pílulas audiovisuais, unidades didácticas e un concurso, preséntaxe hoxe ás 12.00 horas no Instituto da Lingua Galega.

Esta iniciativa constitúe unha ferramenta para multiplicar a voz da autora dende a accesibilidade e a implicación directa co seus lectores e con todos os ouvintes.

A este respecto, o audiolibro xira arredor da figura de Rosalía de Castro dun xeito transversal e actual -en forma e estética-. O proxecto proporciona diferentes formas de que o público se achegue á obra de Rosalía de Castro: audiolibros, pílulas audiovisuais, unha unidade didáctica e un concurso. Todas orientadas a que a voz individual e de cada quen atope o seu propio camiño de descubrimento. “Cando Rosalía escribe, todas e todos soamos na súa voz”.

Esta iniciativa está artellada en varias partes. Por unha banda, están os audiolibros que abordan a obra en galego de Rosalía de Castro, así como o traballo Fiestras, unha serie de pílulas audiovisuais -a cargo do cineasta Xacio Baño- que afondan na relación da vida e da obra da autora.

Por outra banda, o concurso, que se inclúe dentro da programación do proxecto, está enfocado á mocidade de entre 12 e 18 anos, e se desenvolverá en Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar.

O proxecto busca así ser unha ponte entre a autora e o seu público. ECG