Nace ‘Peregrinas’, o documental do xuíz Vázquez Taín sobre a muller e o Camiño

A peza estréase hoxe na Cidade da Cultura, no edificio Cinc, ás 19.00 horas//Foi rodada íntegramente en Galicia co apoio de drons
Documental
Andrea Barreiro
José Antonio Vázquez Taín xunto ao resto de compañeiros na rodaxe de ‘Peregrinas’, na Praza do Obradoiro. Foto: F. Blanco

Houbo moitas mulleres que contribuíron ao crecemento e expansión do Camiño de Santiago. A esas peregrinas quere render homenaxe o maxistrado José Antonio Vázquez Taín, cun documental chamado Peregrinas. De feito, desde o ano 2018 o número de mulleres que percorren algunha dos diferentes roteiros do Camiño de Santiago supera ao de homes.

Ilustracións de mapas, ao máis puro estilo artesanal, e o último en maquetación 3D, ademais de drons son elementos que apoian o relato audiovisual.

Peregrinas, Mulleres no Camiño, que se estrea hoxe na Cidade da Cultura, no edificio Cinc ás 19.00 horas, é unha aposta persoal do Xuíz Vázquez Taín que atopou unha entusiasta acollida nos compoñentes de Mundo Redondo, os cales se embarcaron en levar a cabo un documental independente.

O proxecto contou co apoio da Xunta de Galicia e CRTVG e coa participación de importantes nomes do audiovisual galego.

TESTEMUÑOS. Nesta peza audiovisual propoñen catro peregrinas, pois cada unha delas houbo de superar unhas especiais dificultades para percorrer o Camiño de Santiago; en parte, por ser mulleres.

Da man da historiadora Marta González Vázquez, a primeira que estudou o papel da muller e o Camiño, a través dunha entrevista dinámica e didáctica, vai situando o relato en cada época e circunstancias das peregrinas; con breves introducións do guionista, José Antonio Vázquez Taín, e por último, recurrindo a unha voz en off que da lugar á narración da historia.

Jimena Garcés, a primeira muller cuxo nome quedou documentado. Certo que viaxa co seu esposo, o rei Alfonso III, pero deixa constancia de que ela ten os seus propios motivos para camiñar ata a Tumba, e trae as súas propias ofrendas ao Apóstolo.

Con ela pretenden dar a coñecer como era a peregrinación cando non había aínda máis camiños que as sendas trazadas polos exércitos e as abandonadas vías romanas. Nin outros albergues que os conventos, ou asentamentos militares.

Un mapa interactivo tamén busca axudar ao ollo do espectador a identificar o percorrido, e as súas principais paradas. As espectaculares imaxes da paisaxe do camiño primitivo, nun coidado tratamento da panorámica, variadas perspectivas e os máis diferentes recursos e ángulos, amosan o contraste hipnótico de fermosura e dureza, que caracteriza ás sendas que desde os montes de Asturias e Lugo van descendendo pola vía XIX ata Compostela.

Durante a narración, tamén se descobren tesouros ocultos durante doce séculos entre frondosos bosques centenarios como San Salvador de Meirelle, ou visibles de lonxe como as murallas de Lugo.

UN PERCORRIDO HISTÓRICO. Ademais, tamén haberá un aspecto moderno da man dunhas animacións dixitais, e contidos interactivos que buscan amosar como tras esta primeira raíña séguenlle moitas outras, así como nobres e notables. Pero o que é máis descoñecido, como foron moitas mulleres piadosas as que, coas súas donacións e mandas testamentarias, crearon gran parte das infraestruturas que durante a idade media configuraron todo o camiño.

A narración do documental, apoiada en recursos gráficos, conduce ata a reforma protestante. A decadencia dos roteiros a Compostela, froito desa mestura de devotos e pillos, e do ataque encarnizado desde a igrexa protestante fai decaer o número de peregrinos. Tamén a Igrexa católica deixa de ver na peregrinación unha forma adecuada de manifestación relixiosa. Ese declive coincide con outra desgraza, a perda das reliquias do Apóstolo.

Rodado integramente en Galicia, empregáronse drons, para retratar toda a riqueza da paisaxe galega e dos seus monumentos, barcos, para captar a maxia do mar galego na Ría de Coruña, porta do Camiño Inglés, e as máis modernas técnicas de imaxe, cunha fotografía só superada en grandes producións .