“Non hai praza de abastos como a de Santiago, nin lonxa como a de Ribeira”

Brais Fernández
Praza de abastos. Mari Carmen Aldrey, nun dos seus postos do mercado santiagués. Foto: Fernando Blanco

Se alguén coñece a Praza de Abastos de Santiago esa é Mari Carmen Aldrey Piñeiro. Dende que aos sete anos comezase a vender verdura, a súa vida estivo ligada a este lugar emblemático da capital galega. Con todo, sería coa maioría de idade cando comezou a traballar co peixe, un sector no que foi crecendo pouco a pouco ata converterse nunha referencia. Agora, xunto aos seus dous fillos, rexenta sete casetas na Nave 4 do Mercado, unha en Mercanoroeste e leva cinco peixerías, na cidade e nos arredores.

A súa vida na Praza de Abastos arrincou de moi nova.

Así é. Eu son de Santiago, nacín en Aríns, e con sete anos xa estaba vendendo verdura nas escaleiras da praza. Na adolescencia, xa con 14, pasei a vender churros na Churrería Compostela, que estaba situada no parque da Alameda. Tras este paso, fun para San Sebastián oito meses e cando volvín para Galicia comezou a miña relación co peixe.

Que feito marcou que se metese no sector do peixe?

Ao volver de San Sebastián, miña irmá Lola traballaba na praza vendendo pescado, así que me puxen a traballar con ela, descargando o camión e, ao pouco, vendendo no seu posto. Estando con ela, con 21 anos, saquei o carné de conducir e con 23 xa empecei a ir á lonxa a Ribeira. Naquel momento xa vendía na praza e polas aldeas, polo que ao pouco xa merquei a miña primeira caseta, a 253 do mercado. E a partir de aí, todo foi pouco a pouco até chegar ao día de hoxe.

Cantos anos leva xa ligada a este produto?

Levo dende os 18 anos vendendo pescado na praza de abastos, polo que son case cincuenta anos, medio século, que se di pronto. Por aquí pasaron avós, pais, fillos...é practicamente unha vida enteira dedicada a este lugar.

Como consegue seguir tan activa despois de tanto tempo, e nun sector tan duro.

Traballo, porque me gusta. Lévoo ben, porque fago o que podo. É un traballo que require moitas horas e xa son moitos anos, pero ao estar acostumado, xa o levas ben. Ademais, traballan comigo os meus fillos e iso tamén me axuda a seguir vinculada á empresa. José Luis, vai a lonxa e logo ven a vender aquí, e Margarita, vende no Mercanoroeste e leva a contabilidade na praza.

Dende abaixo, acabou sendo toda unha referencia en Santiago.

Unha vez tiven a primeira caseta e tras comprar xa un camión, comecei a ir a máis portos e a vender tamén na nave de Mercanoroeste, a partir de 1996. Pouco a pouco o negocio foi a máis, collendo máis postos dentro da praza, e no 2007 decidín entrar tamén coas peixerías. Agora mesmo, conto con sete posto na Nave 4 do Mercado de Abastos e con peixarías en Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, rúa de San Pedro, Conxo e na Ramallosa.

Claves son as claves para chegar a onde chegou?

Creo que a clave é ser serios, traballar bastante e gustarche o traballo. Teño unha clientela moi boa, pero tamén porque a mercancía responde. O meu prestixio agora xa me abala, polo que non me podo queixar. Require moito esforzo, pero tal e como están as cousas, imos tirando.

E como fai para dominar tanto o produto?

En Ribeira levamos moitos anos indo meu fillo e eu, polo que coa experiencia e con tanta práctica xa nos facilita moito o traballo. Ademais, os clientes tamén son coñecidos, o cal tamén axuda.

E que importancia ten o persoal que conforma a empresa?

Na empresa, entre todos, somos unhas dezanove persoas e a verdade é que teño un persoal moi bo, estou moi contenta con todos eles. Nas peixerías contamos con moi boa xente, polo que non nos dan traballo a maiores. Son xente responsable, polo que eu mándolle a mercancía e eles saben vendela á perfección.

Que son para vostede o Mercado de Abastos e a lonxa de Ribeira?

A praza de Santiago e a lonxa de Ribeira son as mellores. Non hai praza de abastos como a de Santiago, nin lonxa como a de Ribeira. A lonxa de Ribeira na pesca de baixura é un sitio único, non só en toda España, senón tamén no mundo. Habendo pesca, nese lugar hai de todo. En calidade e en prezos ambas son incomparables.

Con todas estas vivencias, como resumiría a súa vida.

Na miña vida, o primeiro é a miña familia, especialmente, criando aos meus fillos e aos meus netos; despois está traballar, co meu negocio; e terceiro, a miña casa. Con eses tres pilares, resúmese a miña vida. É o que máis me gusta, non necesito máis.