O PP demanda ao Concello que licite a liña de autobuses a Lavacolla

E pide que subroguen ao persoal, como se fixo “en todas as concesións de Galicia”
Redacción ECG

Santiago. O portavoz de Infraestruturas do grupopPopular, Diego Calvo, amosou onte a “solidariedade” cos traballadores do servizo de transporte desde Santiago ata o aeroporto de Lavacolla e demandou ao Concello que “saquen a licitación esta liña e subroguen ao persoal, como se fixo en todas as concesións en toda Galicia”. Neste sentido, criticou a “incongruencia dos socialistas galegos, que no Concello votan en contra destes traballadores, mentres apoia a mesma iniciativa no Parlamento galego”. Calvo lembrou que “foi o propio Concello de Santiago o que solicitou expresamente á Xunta que o servizo entre a cidade e o aeroporto de Lavacolla se excluíra das novas concesións de transporte público que desenvolveron o Plan de Transporte Público de Galicia, porque tiña a intención de prestar directamente este servizo ao tratarse de tráfico intramunicipal”.

“Pero é que, ademais, o Concello de Santiago se opuxo a proceder á subrogación do persoal que viña prestando servizos nesa liña de transporte, a pesar de que esta liña urbana pasou a prestarse mediante a prolongación dunha liña xa existente”, apuntou. E incidiu que “a resolución do conflito xurdido con estes 11 traballadores é competencia do Concello”.

Sobre este tema, o BNG instou á Xunta a mediar e notificar ao Consello Galego de Relacións Laborais para iniciar os trámites que posibiliten a recuperación dos empregos na liña de transporte público colectivo Santiago-Aeroporto. redac.