O PP reclámalle a Bugallo a senda peonil que conecta o centro con Figueiras

Demanda
Redacción ECG
O candidato á alcaldía polo PP, Borja Verea, e o voceiro, José Antonio Constenla, durante a xuntanza coa asociación veciñal Aba do Pedroso, na xornada de onte

demanda. O Partido Popular reclamaralle a Bugallo no Pleno ordinario desta semana, que lle esixa á Deputación Provincial a licitación, adxudicación e execución do proxecto da senda peonil na DP-7803 que conecta o centro da cidade coa parroquia de Figueiras para evitar a acumulación de novos atrasos nesta obra tan necesaria.

Así mesmo, os populares insisten en que o Goberno local debe programar e executar o conxunto de melloras de competencia municipal expresadas pola asociación veciñal Aba do Pedroso, coa que se reuniron o candidato á alcaldía, Borja Verea, e o voceiro, José Antonio Constenla.

Para os Populares ten especial relevancia a referida á inseguridade na estrada que conecta o Carme de Abaixo coa parroquia de Figueiras na que, pola falta de beirarrúas e beiravías, as persoas que se vén obrigadas a transitar por ela “xóganse literalmente a vida todos os días”. ecg