O PP solicita a convocatoria urxente do consello de administración de Incolsa

El Correo Gallego

TURISMO. A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, dirixiuse ao alcalde Sánchez Bugallo para que, na súa condición de presidente de Incolsa convoque, á maior brevidade posible, o Consello de Administración desta empresa pública encargada da xestión da política turística municipal, que non se reúne desde o 30 de xullo, polo que en cuestión de días acadaranse os tres meses: prazo dado nos estatutos para a convocatoria.

Para a concelleira popular, “non ten sentido esgotar –e menos aínda incumprir– o prazo establecido, cando estamos a atravesar unha situación de extrema gravidade, chea de incertezas e na que a crise sacude a todo o sector turístico”.

Entre os motivos de relevancia que fan preciso a convocatoria refírese á elaboración dun Plan de Sustentabilidade Turística “sen contar cos grupos da oposición que poderían ter contribuído á súa elaboración con achegas construtivas”, apuntan. “Un plan”, engaden, “que non foi explicado ao Consello antes da súa presentación nin despois cando foi refeito para adaptar o orzamento inicial solicitado de catro millóns de euros ao que finalmente foi concedido de tres millóns”. redac.