Os populares demandan transparencia sobre a contratación da nave de Desproi

Borja Verea considera imperativo coñecer “se houbo ou non enriquecemento persoal” e por que Mila Castro “propuxo esta instalación sen concurso público”
Xoel Alcántara
JOSÉ MANUEL PICHEL dimitiu este mércores do seu cargo como concelleiro de Medio Rural

Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago polo Partido Popular, esixiulle na mañá de onte desde Fitur ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que aclare “de maneira inmediata” todas as incógnitas que aínda existen sobre o aluguer dun inmoble a membros do seu grupo por parte do ex concelleiro de Medio Rural, Xosé Manuel Pichel. Para o popular, estas actuacións lembran a “anteriores gobernos socialistas de Santiago”, que se caracterizaban polo seu “escurantismo e o clientelismo”.

Verea destacou que “mentres o Partido Popular está a preparar o Santiago do século XXI, cun programa de goberno serio e de futuro, o PSOE de Bugallo está a perder o tempo para favorecer aos amigos” e, o que considera peor, “a facer que a capital de Galicia continúe a perder oportunidades de crecemento e modernización”, asegura.

Para o popular hai dúas preguntas que seguen sen ter resposta e que apuntan directamente ao alcalde.
A primeira é se houbo
ou non enriquecemento persoal; “xa que hai que saber que valor tiñan
as participacións de Pichel en Desproi S.L. cando se desfixo delas, se o fixo, e
a quen lle foron outorgadas e por canto. A segun-da pregunta que aín-
da non ten aclaración
é por que a Concellería
de Parques e Xardíns, da que é titular a concelleira Mila Castro, propuxo esta instalación sen concurso público, quen llo indicou, quen as validou, e se non había outras oficinas en toda a cidade”, incidiu.

Por outra banda, insistiu Verea, tamén é necesario aclarar “que vai pasar con este contrato, que ata o de agora xa encheu os petos dos amigos do Goberno socialista, pero que segue en vigor”, polo que a cantidade “recadada” neste momento, que chega a máis de 90.000 euros, verase multiplicada co paso dos meses, isto tamén debe ser explicado polo alcalde socialista.

Así, mentres o goberno local segue a funcionar con “políticas do século pasado, nós seguimos traballando para darlle aos composteláns a cidade que merecen e necesitan, ofrecendo propostas que faciliten a vida diaria da cidadanía”, sinalou Verea.

Neste senso, concluíu o candidato á alcaldía, “proxectamos unha cidade deportiva ou a eliminación dos coches no Campus Sur, e paralelamente, o actual goberno, un goberno fallido, continúa desfacéndose e a deixar a Santiago fóra de xogo”.