Os transplantes de órganos medraron un 50% no Clínico

En total, foron 38 as persoas que faleceron no hospital sendo doantes, frente ás 25 do 2021
CHUS
Daniel Seijas
Carmen rivero. Coordinadora de doazón da Área Sanitaria de Santiago, que agradeceu ao persoal o seu traballo

Durante o pasado ano, 38 das persoas que faleceron no Hospital Clínico de Santiago doaron os seus órganos, fronte ás 25 que o fixeron no anterior ano 2021, o que supón un incremento de máis do 50% no número do doadores.

Grazas á xenerosidade dos doantes e das súas familias, e ao traballo dos profesionais implicados, acadouse a cifra máis alta rexistrada este ano nos hospitais galegos e a segunda máis elevada obtida no hospital Clínico dende a posta en marcha do programa de doazón, na década dos 80.

Do total de doadores, 25 foron en morte encefálica e 13 falecidos por parada cardio- respiratoria. O programa de doazón en asistolia, que se puxo en marcha no hospital compostelá no ano 2017, aportou no 2022 un 34% do total de doantes efectivos, consolidándose como a vía máis clara de expansión do número de doantes. Ademais destes doantes falecidos, noutros 5 casos foi a xenerosidade dun familiar a que evitou, ao doar un ril en vida, que 5 pacientes tiveran que entrar ou continuar en diálise (dúas eran parellas, dúas irmáns e unha nai ao seu fillo).

Con respecto aos transplantes, realizáronse 32 de fígado e 53 de ril, que rexistrou un incremento do 33% con respecto ao 2021. En total, a actividade global de transplantes (fígado+ril) incrementouse no CHUS nun 15%. A xenerosidade dos doadores tamén permitiu realizar máis de 100 cirurxías oculares e implantar máis de 100 enxertos de tecido osteotendinoso.

Como é habitual, co obxectivo de transplantar cada órgano ao receptor máis adecuado e que máis o necesite, ao igual que se recibiron órganos doutros centros, tamén se enviaron órganos fóra. Concretamente, durante o ano 2022 enviáronse a outros hospitais, dentro e fora da nosa comunidade, 34 riles, 14 pulmóns, 7 fígados, 3 corazóns e 1 páncreas.

A coordinadora de doazón da Área Sanitaria de Santiago, Carmen Rivero, quere agradecerlle o traballo de todo o persoal que fai posible o complexo proceso, pero sobre todo, o altruísmo aos doantes e ás súas familias.

Actividade divulgativa. A Oficina de Coordinación de Doazón e Transplantes do CHUS fomenta a formación continuada entre o persoal propio e participa tamén en tarefas de formación e información social sobre o proceso de doazón e transplante, tanto no ámbito sanitario como no ámbito social.