“Os voluntarios teñen a vocación de servizo público e de axuda aos demais no seu ADN”

Brais Fernández
Begoña (centro e con americana), no Concello de Santiago con parte do equipo de voluntarios. Foto: ECG

Dirixindo un dos corpos de axuda social da cidade, a Protección Civil, Begoña del Río asegura que cada día aprende algo novo duns voluntarios que teñen marcado no seu ADN a axuda aos demais en todo o que faga falla. Esa vocación de servizo público e de altruísmo fai que estean presentes en multitude de eventos ou accidentes, axudando en todo o que se precise. Coordinando este ente dende hai máis de seis anos, para Begoña é un orgullo contar con máis de cincuenta persoas voluntarias.

Que labor realiza a Protección Civil en Santiago?

A Protección Civil é unha agrupación de voluntarios, que traballan e colaboran con todos os corpos de seguridade da cidade (Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil ou Bombeiros) en tódolos eventos, probas deportivas ou espectáculos que se celebran en Santiago, aparte de nas catástrofes, accidentes ou temporais. Ademais, fan unha atención continuada e diaria de todas as rutas do Camiño de Santiago, de mañá e de tarde, atendendo aos peregrinos. Tamén se organizan andainas con asociacións para darlle visibilidade a diferentes causas.

Como é a formación inicial dos seus voluntarios?

A todos os voluntarios, cando se anotan, facémoslle unha entrevista para coñecernos e aí xa reciben un primeiros curso, impartido por outros voluntarios, que son formadores en temas de comunicación, primeiros auxilios, accidentes ou roteiros. Esa formación básica inicial é imprescindible para saber todo o que teñen que facer antes de saír á práctica.

Con esta primeira toma de contacto, xa lles queda claro onde se delimitan as nosas funcións. Posteriormente, van aos operativos con veteranos para aprender e despois vanse iniciando cun curso da Academia Galega de Seguridade, que é o curso básico de protección civil, cunhas nocións de todo o que precisan. Ese curso é o que lle da acceso a participar noutros moi interesantes, de diferentes temas, que doutro xeito non terían acceso e que imparte a propia Academia.

Cantas persoas conforman agora o corpo?

Son máis de 50 voluntarios, destacando que somos unha das agrupacións que máis mulleres ten. Hai xente de tódalas idades. Por exemplo, temos uns rapaces que empezaron en bacharelato e que seguen aínda ou persoas que viñeron para realizar traballos en beneficio da comunidade, que tamén se fan con Protección Civil, e que tamén se quedaron. Ademais, hai xente de todas as profesións e con situacións familiares moi diferentes: estudantes, médicos, enfermeiros, panadeiros, enxeñeiros, xente maior, casadas, con fillos...

Pódese dicir, que é algo que engancha.

Definitivamente, a Protección Civil engancha. Eu son Policía Local e o ofrecemento de vir aquí, para min, foi un regalo. Son voluntarios e para min é unha ensinanza diaria, porque aprendo cada día con eles. Ver a xente que non lle importa nin as condicións meteorolóxicas nin o que haxa que facer e que se suma en escasos minutos ao operativo que sexa é unha gozada, todos teñen unha vocación moi grande de servizo público. Durante a pandemia, por exemplo, como estabamos divididos en grupos pechados, para evitar calquera contaxio, mesmo se sentían mal por non poder axudar aos seus compañeiros. Nos tempos que corren, é moi admirable e pénsoo de corazón. O que fan é encomiable.

Falando da covid-19, como axudaron durante o confinamento?

Na pandemia que nos tocou vivir, dedicámonos a axudar ao Banco de Alimentos, cargando os produtos pola mañá e repartíndoos pola tarde, segundo nos indicaban dende os servizos sociais do concello. Atendemos tanto á xente habitual, como a outra que por esta situación tiñan unha necesidade económica moi forte. Por iso, pódese dicir que os voluntarios teñen unhas características especiais e moi remarcadas: compromiso, altruísmo sen límites e profesionalidade fóra de toda dúbida.

Vendo a enorme capacidade de axuda dos voluntarios, como fan para coordinarse?

Temos agora unha aplicación, que fixeron dous enxeñeiros informáticos que son voluntarios, onde abrimos os operativos, a hora que hai que estar na base e á que empeza o operativo (porque aquí sábese cando se empeza pero non cando se termina). Aí vanse anotando ata un número máximo, porque a xente ten moita dispoñibilidade e gañas de axudar. Todos teñen no seu ADN ese sentido de servizo público e axuda aos demais.

E como fan nos grandes eventos?

Hai outros eventos como son os Fogos de Apóstolo, o Corresán nocturno ou a propia Carreira Pedestre, na que pedimos axuda á Protección Civil doutros concellos. Igual que nos vamos cando eles o precisan, hai para algunhas actividades que, por ser percorridos grandes, pedimos axuda a agrupacións da redonda.

Por último, a pesar das máis de cincuenta persoas, precisan máis?

Sempre estamos dispostos a recibir a máis voluntarios, porque cremos que cada persoa que vén pode axudar e aportar algo. Sempre dicimos que os xubilados que estean ben fisicamente ou para os estudantes é unha forma de enriquecerse mutuamente. Aquí, recibes e das, aínda que todos din que reciben máis do que dan porque se viven situacións que doutra forma non poderían e créanse moitas relacións sociais.