Premio Alfredo Vicenti para un podcast sobre as consecuencias do conflito bélico en Ucraína
Este mércores, o Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2022, galardón organizado polo Ateneo de Santiago, tomou a decisión por unanimidade de outorgar a condecoración desta edición á xornalista Nuria López Presedo polo traballo titulado Historias dun país en guerra, unha serie de podcasts composta por 35 capítulos que foran publicados en Radio Galega Podcast entre o 9 de maio e o 24 de xuño deste ano, ademais de nas plataformas iVoox e Spotify.
Este traballo recolle os relatos reais e as testemuñas de varias vítimas da guerra en Ucraína; cidadáns ucraínos, tanto residentes no país coma outros que se viron na obriga de teren que fuxir del ou que teñen familiares directos que residen alí. Do mesmo xeito, o Xurado decidiu tamén adxudicar un accésit a Miguel Rodríguez Fernández e a Duarte Romero Varela polo traballo Cooperativas de vivenda en cesión de uso: unha alternativa para un fogar asequible?, que foi publicado en Té con gotas o día 12 do pasado mes de xaneiro.
O Xurado, presidido polo vicepresidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Compostela; Xosé Ramón Pousa, exdecano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Mercedes Rosón, concelleira responsable de Acción Cultural do Concello; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Manuel Varela Fariña, quen foi galardoado na pasada edición deste premio.
A entrega do Premio, dotado coa cuantía de 1.000 euros e unha peza conmemorativa, así coma dun accésit consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público na capital galega que se desenvolverá no vindeiro mes de Nadal.