‘Quen é quen: os instrumentos que viven na Escola Municipal de Música’ comeza

Trátase do seu XII ciclo de sesións didácticas, que teñen lugar nas escolas infantís de Compostela
D.Seijas

Santiago. O Departamento de Educación do Concello de Santiago, a través da Escola Municipal de Música, pon en marcha por duodécimo ano consecutivo un novo ciclo de sesións didácticas, co obxectivo de promover o achegamento da música aos máis pequenos e pequenas da rede de escolas infantís do Concello de Santiago. Como noutras ocasións, está prevista a participación das Escolas Infantís de Conxo, As Fontiñas, Meixonfrío-Salgueriños, San Roque, Tambre, Castiñeiriño e Tras-Parlamento, nesta proposta educativa que leva por título Quen é quen: os instrumentos que viven na Escola Municipal de Música.

En cada sesión, cunha duración de 25-30 minutos, o profesorado da Escola Municipal de Música visita as escolas infantís para contar un conto con música. Tamén se traballan outros aspectos variados, como a altura das notas ou o ritmo, de forma que os cativos e cativas teñen a oportunidade de escoitar en directo diferente tipos de instrumentos musicais. As primeiras sesións celébranse hoxe, e son as seguintes: ás 10.00h na Escola Infantil Municipal de Conxo, Bleuenn Le Friec (arpa) e Tamara Soto (clarinete); ás 10.30h na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños, Antonio Ocampo (percusión) e Beatriz Busto (narradora); ás 11.15h na Escola Infantil Municipal das Fontiñas, Bleuenn Le Friec (arpa) e Tamara Soto (clarinete); e por último, ás 11.30h na Escola Infantil do Tambre, Antonio Ocampo (percusión) e Beatriz Busto (narradora).

O ciclo continuará o vindeiro 31 de xaneiro, coas seguintes sesións:ás 10.00h na Escola Infantil de San Roque, Bleuenn Le Friec (arpa) e Tamara Soto (clarinete); ás 11.15h na Escola Infantil de Tras-Parlamento, Bleuenn Le Friec (arpa) e Tamara Soto (clarinete); e ás 11.30h na Escola Infantil de Castiñeiriño, Antonio Ocampo (percusión) e Beatriz Busto (narradora). d.seijas